Faro de Vigo – Embutidos Lalinense, coa lingua fóra

Embutidos Lalinense

Salomé Soutelo

Tanto a Constitución como o Estatuto de Autonomía recoñecen o galego como patrimonio cultural e a súa cooficialidade xunto ao castelán. Pero na práctica, iso que algúns chaman “bilingüismo” é en realidade diglosia: moita xente galegofalante emprega este idioma dentro da casa, coa familia, pero cando toca ir ó médico, mandar unha mensaxe por whats app ou indicarlle a un turista qué estradas debe tomar para chegar a Zobra, pásase ao castelán.
E ocorre o mesmo no mundo empresarial. Coa excusa de que “coas cousas de comer non se xoga”, moitas empresas preferiron etiquetar en castelan ou en inglés por aquelo de que agora vivimos nun comercio globalizado. Pois resulta que esta teoría xa non funciona: os consumidores agradecen que o etiquetado dos productos estea no idioma na terra onde se producen, porque isto é sinónimo de calidade e de diferenciación. Abonda ver o ben que se entendeu polo mundo adiante o significado do “kit antimorriña” de Embutidos Lalinense. A empresa que fundaron en 1949 Amancio López e a súa esposa Celia López sacou dende hai tempo o galego das catro paredes da empresa para botar a lingua fóra, pero non por esgotamento (é o que significa o refrán) senón precisamente para presumir de idioma e de calidade.
Por iso,por este emprego do galego no seu labor comercial, Embutidos Lalinense recibiu onte na súa sede de Agruchave o recoñecemento á Galeguidade Empresarial. Unha das representantes da terceira xeración da empresa, Cruz López, asinou un compromiso segundo o que a empresa, que neste 2024 festexa os seus 75 anos, seguirá estendendo o galego nas relacións laborais cos traballadores, na etiquetaxe dos produtos de mercados interiores e exteriores e na relación coa administración. Asinou este documento en presenza do presidente do Foro Enrique Peinador, Xosé González Martínez, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
Precisamente o Foro Enrique Peinador é que concede este galardón. Leva o nome do dono do Balneario e Augas de Mondariz,que nos anos 20 apostou polo idioma e apoiou a edición da revista Nós. Xosé González lembrou outros empresarios comprometidos co idioma, como a conserveira Massó nos anos 30, que sinalizaba as instalacións e as naves en galego; os Laboratorios Zeltia, que durante anos editaron o Almanaque agrícola ZZ, ou a cerámica O Castro e Sargadelos.
Houbo empresas valentes que non xogaron coas cousas de comer por empregar de portas afóra o idioma que tiñan de portas adentro, e tamén as hai hoxe. Dúas estiveron onte en Agruchave explicando cómo o idioma lles dá un rango de diferenciación: son a Cooperativa Hoxe e Seguridade A1, representadas por Lito Andión e Manuel Rial, respectivamente. Lito Andión lamenta que haxa empresas que descartan empregar o galego por prexuizos, a pesar de que os consumidores ás veces van por un paso por diante. Manuel Rial, que é a segunda xeración de Seguridade A1, lembrou que a súa firma xa traballa para Embutidos Lalinense dende fai 25 anos, e anunciou que o ano que vén as aplicacións da súa empresa van estar xa en galego. “Creo que o galego está aquí para salvarnos a nós, en lugar de termos que salvar nós o galego”, concluiu.
O fiscal Carlos Varela lembrou que xa hai sentenzas que respaldan o uso do etiquetado noutras linguas de España que non sexan o castelán, e Valentín García apuntou que o 80% do viño producido na comunidade autónoma xa loce etiquetas en galego.
Nova tenda en Agruchave
Nun acto conducido por Rafa Durán, puxo a guinda de ouro un documental feito a medias entre Cruz López e a produtora Arthur Gordon, no que se repasa o pasado e o presente de Embutidos Lalinense. Onte, pola tarde, a empresa inaugurou a súa nova tenda en Agruchave, que comezará a funcionar o luns.
Fraga do Alén
A diglosia e os complexos que aínda sofre o galego continúan incluso no momento da morte. Na súa intervención no acto de Embutidos Lalinense o alcalde José Crespo referiuse á ampliación do cemiterio da Romea, coñecido agora como Fraga do Alén. “Tentaremos que esa ampliación teña todo en galego, esixindo ou recomendando o uso deste idioma”. O camposanto vai ser inaugurado en breve, e Crespo desea que leve “un distintivo galeguista”.
Á conmemoración dos 75 anos de Embutidos Lalinense acudiu a segunda xeración da empresa, nas persoas de Alfonso López, Celia Diéguez e Adelaida Martínez (Nilo López finou no 2021). A terceira xeración intégrana as irmás Cruz e Ana López, e os seus curmáns Manuel e Alfonso López. Tamén acudiron políticos do PSdeG como a alcaldesa de Silleda, Paula Fernández Pena, a concelleira lalinense Alba Forno, o eurodeputado Nicolás González Casares ou o secretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro, quen destacou a Embutidos Lalinense “como exemplo do resultado positivo das políticas comunitarias, e exemplo tamén de dedicación e innovación”. González Casares salientou o recoñecemento do galego no Parlamento Europeo.

Previous articleEl Progreso – Embutidos Lalinense, exemplo de galeguización empresarial
Next articleLa Voz de Galicia – Embutidos Lalinense cumpre 75 anos da súa historia festexando o galego