Bacelos de Prata 2008

    Bacelos de prata 2008

    O día 3 de maio de 2008 a Asociación Álvaro das Casas entregou no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia e por quinto ano consecutivo, os premios BACELOS DE PRATA que nesa edición recairon sobre as adegas ALGUEIRA, da denominación de orixe Ribeira Sacra, e MARTÍN CÓDAX, da denominación de orixe Rias Baixas.

    Eran as 12.30 horas e na adega do Pazo, ateigada de xentes vidas desde distintos puntos de Galicia para compartir coas adegas premiadas o proxecto da galeguización do sector vinícola, iniciouse o acto para festexar a receptividade dos nosos adegueiros á proposta feita pola Asociación Álvaro das Casas que está provocando que emerxa unha identidade oculta, mergullada por mor de prexuízos lingüísticos e ideolóxicos que lle negaban á lingua galega o poder de comunicación que hoxe está tendo cos consumidores.

    A Coral de Leiro, dirixida de xeito inmellorable polo noso benquerido amigo e asociado Celso Domínguez, interpretou ao longo de todo o acto cantigas populares e rematando cunha fermosa interpretación do Himno Galego.

    Álvaro das Casas era un visionario. Xa no ano 1931 falaba cos adegueiros do Ribeiro para insistirlles na necesidade de que os viños tivesen calidade e expresión de calidade. Hoxe os nosos adegueiros seguen claramente, e de seguro sen sabelo, a súa mensaxe: Sen un cultivo responsable, levando as viñas á abas dos montes e retirándoas do val, cunhas castes autóctonas que respondan perfectamente á nosa climatoloxía e unhas artes de recollida e produción axeitadas, o sector vinícola non tería futuro.

    Se a iso lle engadimos a lingua, como valor engadido no produto final, temos o que Alvaro das Casas pretendía:

    “viños de calidade con sinal de identidade”

    Para facer máis clara a mensaxe que a Asociación Álvaro das Casas pretende elaborouse un micro-documental que se proxectou no acto e onde se observa iso que estamos a dicir, a cultura do viño, a súa industrialización e como non, a relación entre o viño, a lingua e a cultura.

    O acto que estivo presidido polo Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García; por D. Antonio Oca Fernández, Director Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria; por D. Xosé Carlos Sierra, Delegado Provincial de Cultura en Ourense; por Dª. Cristina Rubal González, Subdirectora Xeral de Política Lingüística; por D. Anxo Collarte Pérez, tenente de alcalde do Concello de Ribadavia e por D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas.

    Despois do acto celebrouse un xantar no Pazo de San Damián no que numeroso público asistente acompañou aos premiados nesta agradable xornada.


    Sendo as 12.30 horas do día 29 de marzo de 2008, reúnense, no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia os membros do xurado da V edición dos premios BACELO DE PRATA, D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas, D. Antonio Oca Fernández, Director Xeral de Produción, Industrias e Calidade Agroalimentaria da Xunta de Galicia; D. Rafael González Escudero, Sumiller; D.Luís Anxo Rodríguez Vázquez, Presidente do Consello Regulador do Riberio e enólogo; D. Antonio Cajide Gulín, Adegueiro premiado edición anterior e actuando de Secretaria Dª Carmen Pérez Vaquero, Secretaria da Asociación Álvaro das Casas, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan conceder os PREMIOS BACELOS DE PRATA nesta edición a:

    ADEGA MARTÍN CÓDAX: pola utilización da lingua galega dende o ano 1985 na etiquetaxe e publicidade interna e externa, que fai das súas marcas: MARTÍN CÓDAX, ORGANISTRUM, etc… todas de grande calidade e recoñecido prestixio internacional e polo seu compromiso na aposta cultural que a empresa utilizou como catalizador da tradición galega apoiando grupos de música medieval ou incluso premios de poesía en galego. Considera o xurado que a súa dinamización cara ao noso idioma servíu de exemplo a moitas adegas que hoxe tamén apostan pola galeguización dos seus produtos como sinal de identidade e calidade.

    ADEGA ALGUEIRA: polo compromiso na utilización da lingua galega nas súas marcas: ALGUEIRA e BRANDÁN de grande calidade e pola aposta persoal na recuperación dunha maneira de cultivo e dun entorno milenario que conforman as súas viñas e un determinado lugar de orixe. Considera o xurado que o orgullo co que aposta por un viño de calidade, en galego, é fundamental para espallar a riqueza da nosa lingua e cultura.

    Previous articleBacelos de Prata 2007
    Next articleBacelos de Prata 2009