Bacelos de Prata 2009

    Bacelos de Prata 2009

    O sábado, día 9 de maio de 2009, foron entregados no Pazo dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia, os premios Bacelos de Prata que nesta ocasión recairon sobre as adegas QUINTA DE COUSELO, S.L. da denominación de orixe Rias Baixas e O CASAL, S.A.T. da denominación de orixe Valdeorras..

    O acto celebrouse, como cada ano, na adega do Pazo dos Ulloa, un espazo que conforma parte da historia de Galicia xa que nese mesmo lugar, no ano 1936, D. Álvaro das Casas, convocou a unha ducia de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da U.C.R.A. (Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia, antecesora do cooperativismo actual) para loitar contra as malas artes dalgúns colleiteiros que estaban producindo viños de mala calidade botando por terra a excelencia que tiñan os viños do Ribeiro ata o momento.

    A Coral de Leiro foi a encargada de poñerlle a nota musical a un acto que estivo presidido polo Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, D. Jesús Vázquez Abad; o Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García; o Subdelegado do Goberno en Ourense, D. Camilio Ocampo; o Concelleiro de Cultura do Concello de Rivadavia, D. Anxo Collarte e polo presidente da Asociación Álvaro das Casas D. Avelino Muleiro García.

    Entre o numeroso público asistente cabe destacar a presenza de D. Luís García Mañá, Xefe superior de Policía de Galicia, D. Xosé Vázquez Portomeñe, Subdelegado do Goberno en Lugo, D. Benigno Sánchez García, Director da CRTVG, D. José Antonio Gómez Segade, Catedrático de Dereito Mercantil da U. de Santiago, D. Xosé Manuel Cid Fernández, representante da U. de Vigo, alcaldes da comarca do Ribeiro, empresarios e adegueiros, e moitísimas outras persoas que quixeron acompañar aos premiados nesta VI edición dos premios Bacelos de Prata.


    Sendo as 13.00 horas do día 4 de abril de 2009 reúnense, no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, os membros do xurado da VI edición dos premios BACELOS DE PRATA, D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas, D. Xosé Carballido Presas, Técnico facultativo da Delegación Provincial da Consellería do Medio Rural en Ourense; D. Xosé Benito Reza Rodríguez, Técnico facultativo da Delegación Provincial da Consellería de Medio Ambiente en Ourense.; D. Luís Anxo Rodríguez Vázquez, Presidente do Consello Regulador do Ribeiro e enólogo; D. Ramón Barral Maquieira, Vicepresidente de Adegas Martín Códax -premiado edición anterior- e actuando de Secretaria Dª Carmen Pérez Vaquero, Secretaria da Asociación Álvaro das Casas e logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan conceder os PREMIOS BACELOS DE PRATA nesta nova edición a:

    ADEGA QUINTA COUSELO, S.L., da denominación de orixe Rias Baixas, pola utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade comercial no ano 1991 na etiquetaxe e publicidade das súas marcas: QUINTA DE COUSELO e TVRONIA, viños rosal e albariño de grande calidade e recoñecido prestixio internacional; polo seu compromiso na aposta de utilización do noso idioma como sinal de identidade que reforza a vinculación do produto coa terra. Considera o xurado que co seu exemplo provoca adhesións ao proceso galeguizador iniciado no sector vinicola e traspasa ese afán de utilización dos nosos valores culturais á sociedade.

    ADEGA O CASAL, S.A.T., da denominación de orixe Valdeorras, pola utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade empresarial e pola utilización do noso idioma na etiquetaxe e publicidade da súa marca CASAL NOVO elaborada coas castes godello e mencía, de grande calidade e pola aposta persoal na recuperación dunha maneira de cultivo e dunha contorna xeográfica que define un determinado lugar de orixe. Considera o xurado que o orgullo co que aposta por un viño de calidade, en galego, é fundamental para espallar a riqueza da nosa lingua e cultura.

    Previous articleBacelos de Prata 2008
    Next articleBacelos de Prata 2010