Bacelos de Prata 2007

    Bacelos de prata 2007

    Un ano máis, a Asociación Álvaro das Casas entregou no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, os premios BACELOS DE PRATA que nesta IV edición recairon sobre ADEGAS MOURE, S. A. da denominación de orixe Ribeira Sacra e D. ANTONIO CAJIDE GULÍN, colleiteiro, da denominación de orixe Ribeiro.

    Desque no ano 2004, no mesmo escenario que hoxe acolle o acto de entrega dos premios Bacelos de Prata, a Asociación Álvaro das Casas, conxuntamente coa Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia, iniciase a campaña dirixida aos adegueiros e colleiteiros de Galicia, Colleita 2004. Máis Galega, son moitos os que se sumaron a este proceso. Podemos dicir con orgullo, que pasamos de 12 adegas galeguizadas naquel ano ao número de 58 no ano 2007, unha porcentaxe nada desprezable. Pero amais deste galardón que hoxe entrega a nosa asociación, agardamos que nun futuro inmediato os actos culturais de raíz galeguizadora que se organicen en Galicia lles outorguen outro moi prezado: que estes viños, de tan excelente calidade e etiquetados en galego, se sirvan en tódolos actos gastronómicos que seguen aos culturais, tal e como se fixo o sábado pasado na Cea das Letras Galegas organizada pola Fundación Premios da Crítica Galicia no Balneario de Mondariz. Este é o mellor premio a divulgación dos viños de inequívoca galeguidade, contribuíndo deste xeito, á consolidación das adegas que os elaboran.
    O acto estivo presidido polo Fiscal Xefe do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, D. Carlos Varela García; por Dª. Marisol López Martínez, Secretaria Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; D. Camilo Ocampo, Subdelegado do Goberno na provincia de Ourense; por D. Marcos Blanco Jorge, Alcalde de Ribadavia; por D. Xosé M. Carballido Presas, Director Xeral de Estruturas agrarias da Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia e por D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas.
    Ao remate do acto, no fermoso patio do pazo, degustáronse os viños premiados. Foi unha xornada agradable na que a lingua e a cultura de noso tivo unha especial relevancia.


    Sendo as 13,10 horas do día 14 de abril de 2007 reúnense, no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, os membros do xurado da IV edición dos premios BACELOS DE PRATA, D. Avelino Muleiro García, presidente da Asociación Álvaro das Casas, D. Antón Pulido Novoa, pintor e deseñador gráfico; D. Xosé María Fonseca Moretón, Presidente das Adegas Terras Gauda, premiado edición anterior; Dª Carme Pinal Veiga, profesora de elaboración de viños no ciclo Superior de Industria Alimentaria, especialidade de Enología no Centro de Ensino “A Granxa” de Ponteareas; D. Carlos Manuel Blanco Blanco, enólogo e actuando de Secretaria Dª Carmen Pérez Vaquero, Secretaria da Asociación Álvaro das Casas, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas, acordan conceder os PREMIOS BACELOS DE PRATA nesta edición a:

    ANTONIO CAJIDE GULÍN, colleiteiro: por utilizar na súa marca máis significativa: SAMEIRÁS, de grande calidade, a lingua galega no seu etiquetado e na súa publicidade. Asi mesmo, considera o xurado que a súa sensibilización cara a utilización do noso idioma reforza a identidade cultural na zona do Ribeiro.

    ADEGAS MOURE, S. A.: por ser unha adega representativa e pioneira en Galicia na utilización de referentes lingüísticos, xeográficos e persoais, na etiquetaxe da súa marca máis emblemática: ABADIA DA COVA, de grande calidade e recoñecido prestixio internacional e polo compromiso na utilización da lingua galega no seu etiquetado e na publicidade que fai nos distintos soportes publicitarios, incluso en revistas especializadas fóra das nosas fronteiras, promocionando deste xeito a cultura do País.

    Previous articleBacelos de Prata 2006
    Next articleBacelos de Prata 2008