Premios Lois Peña Novo 2001

    Premios Lois Peña Novo 2001

    Reunidos na Pousada de Soutomaior o día trinta de maio de dous mil un os membros do xurado da VII edición dos Premios LOIS PEÑA NOVO, D. Xesús Ferro Ruibal, escritor e membro da Real Academia Galega, como Presidente; D. Xosé Xoán Barreiro Prado, maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra (premiado edición anterior); Dª. Purificación López Gómez, letrada do Parlamento de Galicia, D. Xermán García Cancela, xefe do Servicio de Traducción da Consellería de Presidencia como vogais e actuando como secretaria do xurado Dª Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas acordan outorga-los premios LOIS PEÑA NOVO nesta sétima edición e facendo a consideración previa de que como xurado constatan que a pesar do sustento xurídico que ten o uso do galego, aínda se seguen producindo dificultades nalgúns puntos concretos de diferentes administracións públicas, o xurado quere manifestar a súa simpatía e apoio a aqueles funcionarios e funcionarias que en circunstancias adversas manteñen o uso do galego con firmeza e dignidade.

    Deste xeito, a decisión do xurado foi conceder os seguintes premios:

    Ó INSTITUTO GALEGO DE ANÁLISE E DOCUMENTACIÓN INTERNACIONAL (I.G.A.D.I), polos seus 10 anos de traballo na creación e difusión da información internacional en galego, e tamén da difusión de información galega no eido internacional.

    Ó CONCELLO DE MUROS, por ser un dos Concellos que destaca dende hai moito tempo, na utilización habitual do galego en tódolos sectores da súa administración, manténdose esta continuidade de uso alén das sucesivas corporacións.

    A DON CARLOS VARELA GARCÍA, por ser pioneiro en normaliza-lo uso do galego no exercicio da actividade no Ministerio Fiscal e no seo da Administración de Xustiza. Tamén polas súas aportacións técnicas á consolidacións dunha linguaxe xurídica galega.

    Ó INSTITUTO DA LINGUA GALEGA, por tratarse dun colectivo de funcionarios que sempre traballaron en galego, que dignificaron internacionalmente cos seus estudios a categoría do galego como lingua, por seren o primeiro Servicio de asesoramento lingüístico que tivo Galicia e polo seu traballo científico continuado, sen o cal non sería posible a estandarización dun galego xurídico-administrativo.

    Premios Lois Peña Novo 2001
    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2000
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2002