Premios Lois Peña Novo 2002

    Premios Lois Peña Novo 2002

    Sendo as 12.30 horas do día vintetrés de maio de dous mil dous reúnense, na Pousada de Soutomaior, o xurado dos Premios Lois Peña Novo, composto, nesta VIII edición por D. Xesús Alonso Montero, académico da R.A.G. e escritor, en delegación do Presidente da R.A.G., como presidente;  D. María Xosé Porteiro García, xefa de prensa da Xerencia de Urbanismo do Concello de Vigo; D. Manuel González González, catedrático de filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e académico da R.A.G.; Dª. Mariam Vidal Fraile, bibliotecaria da Fundación Penzol de Vigo; D. Carlos Varela García, fiscal da Audiencia Provincial de Pontevedra (premiado edición anterior) como vogais e actuando de secretaria Dª. Carme Pérez Vaquero, secretaria da Fundación Lois Peña Novo, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas acordan concede-los premios Lois Peña Novo desta VIII edición a:

    Ó MANUAL DE FORMULARIOS PARA POLICÍA LOCAIS elaborado por Dª. MARTA SOUTO GONZÁLEZ do SNL do Concello de Vigo, Dª PAULA SOTO VIÑAS do SNL do Concello de Moaña, D. ALBERTO CARBALLO ACUÑA, sarxento da Policía Local de Vigo e D. DANIEL MACENLLE DÍAZ, sarxento da Policía Local de Moaña, por tratarse dun instrumento que facilita a utilización e normalización da lingua nun sector totalmente desasistido. O xurado entende tamén que este Manual de Formularios é asemade, unha ferramenta de traballo que fai máis doado o uso do galego no eido concreto de actuación da Policía local. Por outra parte, trátase dun manual, neste xénero estrictamente pioneiro, elaborado con criterios de corrección e precisión lingüística.

    Ó CONCELLO DE NARÓN, polo seu compromiso coa defensa da lingua manifestado ó longo de moitos anos en canta actividade cultural e social é susceptible de ser impulsada desde as instancias municipais, ademais de recoñecer a coherencia lingüística nas actuacións oficiais do propio Concello. Este xurado tamén entende que moitas das manifestacións desenvolvidas en lingua galega deberán ser elementais para outros Concellos, pero, dado que en tantos e tantos municipios non se chega ó elemental, o Concello de Narón convértese, forzosamente, en espello e modelo.

    A DON ROSALINO JULIÁN GONAÁLEZ SERODIO, pola súa actuación idiomática nun ámbito, o dos Secretarios de xulgado, onde, certamente escasean os precedentes. Por outra parte, consta a este xurado que o Sr. González Serodio, produce os textos do seu cometido profesional en galego, mesmo nos casos en que ten que sintetizar actuacións orais proferidas noutros códigos idiomáticos.

    Ó SISTEMA DE TRADUCCIÓN AUTOMÁTICA ESPAÑOL-GALEGO (ES-GA) pertencente á Área de Lingüística do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, porque se trata dun sistema robusto que automatiza totalmente a traducción do castelán ó galego. O xurado entende que o desenvolvemento das tecnoloxías da fala e das ferramentas derivadas da chamada enxeñeria lingüística, ó que tanto esforzo se está dedicando en tódalas linguas, é totalmente imprescindible nunha lingua, como o galego, en pleno proceso de normalización. O intercambio masivo de información entre as distintas linguas e o proceso de automatización das comunicacións da sociedade do futuro, implica que ferramentas deste tipo sexan fundamentais para asegurar a permanencia dunha lingua ameazada coma o galego. Nunha sociedade como a galega, na que teñen presencia actuacións en castelán e en galego, este tradutor facilitará o intercambio de código, non só no mundo da administración, senón na empresa privada.

    Premios Lois Peña Novo 2002
    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2001
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2003