Os cemiterios son os espazos da memoria das respectivas comunidades parroquiais. Neles están soterradas xeracións de persoas que constituiron as comunidades destas unidades territoriais onde se forxou a identidade galega. Por esta razón semella unha anomalía que nestes recintos memorialistas o idioma que identifica aos defuntos non é o mesmo no que se expresaron en vida. Velaí o sentido da iniciativa “restauración da memoria lingüística” que ten como rubro “En galego, agora a sempre”. Como extensión desta proposta, a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) lanza a iniciativa para que se incorpore nos nichos e panteóns un código QR que condense a biografía da persoa falecida. Esta é unha novidade que agardamos vaia callando, e que a partir de agora sexan moitas as familias que queiran perpetuar a memoria dos defuntos máis aló da lacónica literatura que figura nas lapidas motuorias. Non hai, pois, en Galicia ningún panteón que incorpore esta novidade epigráfica. Será o cemiterio de Lira (Salvaterra de Miño) o primeiro en iniciar este proceso na sepultura do gaiteiro Luis Soutullo Iglesias, nado en 1907, coa biografía escrita por Xerardo Fernández Santomé, integrante do grupo musical Xistra de Coruxo.










