Xuices Honorarios 2023

    COUTO MIXTO: texto e contexto. 

    As celebracións que cada ano se desenvolven no Couto Mixto nomeando Xuizas e Xuices Honorarios pretenden varias funcións: por un lado tecer rede de complicidades que poñan o foco de atención nuns territorios esquecidos historicamente recuperándoos como epicentro desde onde se irradien razóns que afortalen a unidade dos territorios transfronteirizos,  e por outro rememorar a historia e a tradición duns territorios nos que durante 700 anos existíu posiblemente un dos primeiros estados democráticos da historia europea como eixo fundamental duns pobos arraianos convertindo un espazo de fronteira nun espazo de memoria. 

    Con gran acollida de público celebrouse un ano máis a tradicional comitiva composta polos novos xuices e xuiza honorarios, D. Mario García Gómez, deputado do Parlamet de Catalunya; D. Marcos Neves, profesor da Universidade Nova de Lisboa en representación de D. Fernando Venâncio, académico e escritor e Dna. Angeles Huerta González, directora de cine. 

    O Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez xunto cos alcaldes dos concellos de Baltar, D. José Antonio Feijoo Alonso e de Calvos de Randín, D. Aquilino Valencia Salgado xunto cos Homes de Acordo das freguesias de Rubiás, D. Cesáreo González Veloso; de Meaus, D. Sergio Álvarez Álvarez e de Rubiás D. Perfecto Rodríguez Jardón e os membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto achegáronse á Igrexa de Santiago acompañados  por un grupo de gaiteiros de Xinzo de Limia. 

    Como cada ano os veciños e veciñas do Couto Mixto fixeron unha ofrenda floral diante da estatua que preside o adro da igrexa representando a D. Delfin Modesto Brandón, derradeiro xuíz do Couto Mixto. O Presidente da A.A. Couto Mixto, D. Luís García Mañá recibíu ao público asistente que encheu a igrexa para acompañar aos premiados. Diante do público o Arcón da Memoria foi aberto polos Homes de Acordo con cadansúa chave presidindo o acto e recollendo os documentos que se xeraron nesta nova convocatoria para afortalar a memoria esquecida do Couto Mixto.  

    Dna. Carme Vaquero, foi a condutora do acto que estivo acompañado pola voz da cantante galego portuguesa María do Ceo e a música de Alex e Xosé Salgado. D. Xosé González Martínez deu lectura a acta na que se recolleron os méritos dos homenaxeados e posteriormente D. Xosé Manuel Cid fixo a louva de cada un deles deixando constancia dos méritos que os fixeron merecentes da distinción e valorando positivamente a necesidade de que personalidades de distintas disciplinas sexan a voz do Couto Mixto incentivando o discurso da ampliación e da consolidación deste espazo xeográfico que conta cunha historia singular que paga a pena recuperar. 

       

    Previous articleXuices Honorarios 2022