Xuices Honorarios 2022

    COUTO MIXTO: SOÑO E REALIDADE

    O sábado 2 de xullo de 2022 celebrouse en Santiago de Rubiás un novo acto de nomeamento de xuices honorarios do Couto Mixto, 3 persoas que en cadanseu ámbito representan un valor engadido para eses territorios da Galicia profunda e do Portugal esquecido. 

    Dª. Consuelo Castro Rei, xurista, Avogada Xeral do Estado, ourensá de cerne que leva Galicia na pel a pesar de estar lonxe da terra; D. Armando González, médico, ourensá chantado na terra que deu alma ao Couto Mixto coa fermosa letra do seu himno e Dª Diana Gonçalvez, directora de cine que no documental “Mulleres na Raia” deu voz a mulleres que viviron tempos difíciles na fronteira galego-portuguesa. 

    Ao son da gaita galega foron achegándose os Homes de acordo, os novos Xuices Honorarios e as autoridades presentes no acto ata o adro da igrexa de Santiago  de Rubiás onde os veciños fíxeron, como cada ano, a ofrenda floral ao derradeiro xuíz do Couto Mixto, D. Delfín Modesto Brandón.

    A Arca onde se garda a memoria documental do Couto Mixto, pechada con tres chaves que gardan cada un dos homes de acordo representantes das freguesías de Santiago de Rubiás, Rubiás e Meaus, saíu da sancristía para presidir, un ano máis, un acto de reivindicación histórica e de recuperación da memoria esvaida destes territorios arraianos. 

    Unha morea de persoas ateigaron a pequena igrexa que a través dos séculos gardou a memoria colectiva destas terras como símbolo de unión entre galegos e portugueses, pobos irmáns con historia, cultura e lingua compartida. O acto estivo presidido polo Secretario xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez e polos alcaldes dos concellos de Calvos de Randín e Baltar.

    D. Luís García Mañá, presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto agradeceu a presenza das autoridades e deu a benvida ao gran número de persoas que se acercaron para acompañar aos novos xuices honorarios. 

    Coa finalidade de buscar novos espazos de visibilización para estas terras, a Asociación de Amigos do Couto Mixto crea a partir deste ano un novo órgano de estudo, a Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, que dirixirá o membro da Asociación D. Xosé Manuel Cid, pretendendo formar un espazo de traballo  e pensamento integrado por persoas de distintas disciplinas que poidan aportar a súa visión para a recuperación deste singular territorio. 

    A voz de María do Ceo e os seus músicos Xosé e Alex Salgado, resonou entre eses vellos muros de pedra facendo vibrar a todos os presentes coa súa sensibilidade.

    Previous articleXuices Honorarios 2019
    Next articleXuices Honorarios 2023