Fermín Bouza Brey “Xuíz e Galeguista”
A Irmandade Xurídica Galega e D. Fermín Bouza Brey
O obxectivo central que xustificou no seu día a creación da Irmandade Xurídica Galega foi a de promover e asentar o galego como lingua de traballo nos ámbitos xurídicos e administrativos en condicións de normalidade e na dirección que sinalaba o Plan xeral de normalización do uso do galego de 2004.
Desde o ano 2004 ata hoxe rexistráronse moitos acontementos, de diverso alcance, que obrigan ás persoas e ás asociacións defensoras da normalización do galego a revisar as ideas e os presupostos do noso labor.
Esa revisión pode ser nos distintos colectivos de máis ou menos calado en función da coherencia coa que cadaquén participa no proceso de normalización: con toda modestia entendemos que, no noso caso, a revisión non leva máis que a afondar nos presupostos que serviron de alicerce ao noso traballo porque nunca presentamos a promoción do galego no eido xurídico como unha imposición contra ninguén, nin en substitución da outra lingua oficial –o castelán-, e sempre tivemos claro que o respecto aos dereitos e á dignidade das persoas era un dato inesquecible.
O clima de respecto e mesmo de cortesía no que sempre quixemos que medrase o uso profesional do galego levounos hai moito tempo a desterrar e a evitar o uso e o abuso da palabra conflito lingüístico: non é admisible defender o galego como lingua xurídica e administrativa desde unha perspectiva de conflito co castelán e cos castelánfalantes e por iso tampouco podemos admitir que se invoque contra o uso do galego o demagóxico argumento da imposición lingüística.
A harmonía lingüística e os dereitos dos galegofalantes continúan a esixir dos poderes públicos unha acción política clara, planificada e coherente na que se fomente de xeito equitativo o uso da lingua minorizada e se lles garanta aos cidadáns o acceso en galego, en condicións de igualdade e sen discriminacións, a todos os ámbitos da vida social e aos servizos públicos ou de interese público, nomeadamente á xustiza, a educación, a sanidade, aos aparellos administrativos e aos medios de comunicación públicos.