Un ano máis publicamos este libro de mandas a prol da lingua galega co que porfiamos na procura dos obxectivos que nos moveron desde a súa primeira edición no 2002: salientar a importancia da transmisión interxeracional do noso idioma e chamar a atención sobre o uso do galego nos documentos xurídicos e, en concreto, nas escrituras públicas.
No tocante á transmisión interxeracional os sociolingüistas subliñan a cotío a importancia da variable da idade no uso da lingua: o galego é a lingua inicial dunha ampla maioría das persoas de máis de 65 anos (3/4) pero vai descendendo con rapidez ata o grupo entre os 26 e 35 anos, no que xa hai máis persoas co castelán como lingua inicial (40%) fronte ao galego (36%), aínda que tamén hai un bo número de bilingües iniciais (20%). A partir deste último treito a caída do galego como lingua primixenia ralentízase e o avance do castelán xa é por conta do bilingüismo inicial.
Estes datos apuntan ás vicisitudes históricas do noso país no pasado século: os maiores de 65 anos no 2003 naceran antes de 1938, o que significa que antes da guerra civil e da ditadura o galego era a lingua da maior parte das familias galegas, un 10% adicional eran bilingües e menos do 15% eran castelán-falantes.
Nos 40 anos de franquismo -entre 1938 e 1978- o galego perdeu máis da metade dos seus falantes iniciais -en 2003 eran o 36%-. A ditadura levou ao galego ao pé do abismo, ao esmagar as forzas e axentes sociais que o defendían, ao arrincalo da vida pública e da escola, ao promoveren un discurso denigratorio para a nosa lingua e de exaltación discriminatoria do castelán. Ao tempo, o país quedou baldeiro de xente xoven galego-falante que se veu obrigada a emigrar. A todo iso hai que engadirlle a aparición e divulgación dos medios de comunicación como a radio e a televisión que completaron a difusión da competencia en castelán e a actitude lingüística de desprestixio para o galego.
Desde a transición democrática e a instauración da autonomía fréase a caída do galego nas persoas nadas a partir de 1978: máis presenza pública, utilización no ensino, alfabetización da poboación e aparición dun novo tipo de galegofalante, o que aprendeu a lelo e escribilo na escola e que se desenvolve en galego en ámbitos sociais ata o de agora reservados ao castelán.
Todo iso ten que ver coa mellora do estatuto sociopolítico da lingua galega e coas políticas de promoción do galego desenvoltas durante os últimos 25 anos, froito de traballosos consensos lingüísticos como a Lei de Normalización Lingüística de 1983 ou o Plan Xeral de Normalización do uso do galego de 2004.
En resumo, temos que gañar o futuro para a lingua galega, garantindo a súa transmisión aos nosos descendentes como elemento central do noso patrimonio cultural. Nesa idea, fronte ao concepto tradicional de herdanza como conxunto de bens e dereitos de contido exclusivamente patrimonial que os devanceiros lles transmiten ás novas xeracións, nós introducimos a lingua como símbolo cultural e como elemento da nosa personalidade individual e colectiva que debe aparecer no acto xurídico esencial que preside a herdanza e que non é outro que o testamento.
Por outra banda, os documentos e as escrituras públicas son unha das mostras máis visibles da vitalidade da lingua. Recordemos o importante caudal de documentos procedentes da idade media redactados en galego que, malia as circunstancias adversas, se conservaron ata hoxe e que son a proba da normalidade coa que se usaba a nosa lingua naqueles tempos en todos os ámbitos da vida social.
Temos que recobrar para o galego ese terreo; malia os atrancos, un dos medios para acadalo é que os galegofalantes esixamos o dereito constitucional a usar a nosa lingua oralmente, pero tamén por escrito nas relacións xurídicas nas que participemos ou que protagonicemos. Iso sen prexuízo de reivindicarmos medidas de apoio á normalización lingüística, como por exemplo a de que os notarios e funcionarios públicos outorgantes deben estar obrigados a advertirlles, expresa e previamente aos cidadáns, de que poden exercer aquel dereito, como prevé o Decreto da Generalitat de Cataluña 204/1998, do 30 de xullo, sobre o uso do catalán nos documentos notariais.
Un bo comezo para esa andaina é a de outorgarmos o testamento en galego, xa, sen máis demoras.
Xoaquín Monteagudo Romero
Presidente da Asociación de Funcionarios para a
Normalización Lingüística de Galicia