Premios Lois Peña Novo 2023

    Louvar o esforzo daquelas persoas que desde distintas facetas profesionais fan que medre a conciencia de país é o que pretendemos cos premios Peña Novo. Desde hai 27 anos procuramos defender que a esencia fundamental da nosa identidade, a lingua galega, teña máis defensores acotío. Abrir camiño coa vontade de todos sendo conscientes de que o compromiso individual é fundamental para que o galego non esmoreza no tempo, ese é o valor dos premios e do traballo incansable das persoas que son recoñecidas con eles. 

    O acto estivo presidido polo Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez; o Alcalde de Soutomaior, D. Manuel Lourenzo; o Presidente da Fundación Lois Peña Novo, D. Xosé González Martínez; a Maxistrada Dna. Paz Filgueira Paz e a Pta. do xurado desta edición -premiada no ano 2022- Dna. Marisa Castro Cerceda. 

    Deu lectura á acta do xurado Dna. Paz Filgueira Paz, muller de gran valía profesional e defensora do uso da lingua galega no eido xurídico que foi premio Peña Novo no ano 2019.

    Os méritos dos 3 premiados foron louvados por D. Antón Dobao, escritor e lingüística; Dna. Marisa Castro Cerceda, doutora en bioloxía e por D. Alfredo Erias, doutor en historia da arte. Os tres resaltaron a coherencia, a entrega e o compromiso dos premiados coa lingua galega no ámbito do seu labor profesional e persoal que os fai modélicos exemplos de persoas cultas que co seu saber dignifican a dignidade nacional facendo posible grandes transformacións na conciencia popular.  

    Dª. Rosa Castro Legazpi agradeceu o premio en nome do conxunto do audiovisual galego e en especial dos creadores de fición que fan que a utopía se convirta en realidade presentándonos personaxes de toda condición social expresádose en lingua galega, poidendo imaxinar dese xeito unha sociedade monolingüe en galego, en Galicia. 

    D. Felipe Senén agradeceu o premio insistindo na necesidade de defender o idioma e a cultura galegas, porque Galicia é un país rico en historia, arte e tradicións que conforman a nosa identidade do pobo. Reivindicou as figuras de Vicente Risco, Otero Pedrayo, Lois Peña Novo e outras moitas que nos precederon e que marcaron o camiño a seguir.

    D. Pablo López, director e fundador do Xornal dixital Gciencia, agradeceu o premio explicando os motivos que os levaron a apostar polo galego desde o inicio deste proxecto e indicando que estes recoñecementos dan azos para seguir nun traballo que empezou hai 10 anos e que lle ten dado moitas satisfaccións.

    D. Xosé González Martínez reiterou unha vez máis no seu discurso a necesidade de defender a lingua galega desde ámbitos distintos aos meramente literarios porque é necesario ampliar a lonxitude de onda na defensa do noso idioma na sociedade para achegarmos á realidade social do país. 

    Pechou o acto D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística alentando a todos a seguir na arela de apoiar a cultura e a lingua galegas para ensanchar o espazo de uso do galego coa finalidade de conseguir un futuro mellor e con máis adhesións para escorrentar prexuizos lingüísticos enraizados ainda nun sector amplo da sociedade. 

    Entre a morea de público asistente encontrábanse compañeiros e familiares dos premiados,  alcaldesa de Redondela e membros da corporación municipal; concelleira de Soutomaior; representantes de colectivos sociais e veciñais, persoal da administración pública  local e autonómica, amigos e amigas que encheron un ano máis o Patio de Armas do Castelo de Soutomaior arroupando aos premiados entre pedras milenarias nas que se escoitou a música  dunha arpa celta e dun violoncello nas mans de Clara Pino e Pablo Vidal. 

    Rematada a entrega de premios e por cortesía da Adega Terras Gauda degustouse e brindouse pola saúde da lingua galega e polos premiados cun viño do Rosal que leva o galego polo mundo na súa etiqueta como sinal de identidade e garantía do bo facer galego.   

    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2022
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2024