Premios Lois Peña Novo 2022

    XXVI EDICIÓN PREMIOS PEÑA NOVO: Dignificando a Galicia. 

    26 anos despois daquel 28 de xuño de 1995 volvimos ao Castelo de Soutomaior para celebrarmos o labor dunhas persoas que co seu traballo dignifican a Galicia. Porque facer real o que debería ser normal é un labor paseniño de moitas persoas que traballan a cotío pola normalización do galego na sociedade.   

    O acto estivo presidido polo Secretario Xeral de Política Lingüística, D. Valentín García Gómez; o Alcalde de Soutomaior, D. Agustín Reguera Ocampo; o Presidente da Fundación Lois Peña Novo, D. Xosé González Martínez; a Deputada de Turismo da Deputación de Pontevedra, Dna. Ana Laura Iglesias e por Dna. Celia Pereira, Presidenta da Fundación Vicente Risco e membro do xurado desta edición. 

    Deu lectura á acta de concesión dos premios a avogada Dna. Ana Mosquera, integrante do xurado desta nova edición. Os méritos dos premiados foron louvados por D. Jorge Mira Pérez, científico e premio Peña Novo no ano 2014 que actuou como presidente do xurado; por D. Antón Fernández, pedagogo e membro da Coral Cantigas e Agarimos e por Dna. Celia Pereira, por parte do xurado. Os tres salientaron a coherencia, a entrega e o compromiso dos premiados coa lingua galega en candaseu ámbito persoal e de traballo. 

    D. Rodrigo Romaní Blanco, que non recolleu o premio persoalmente por cuestións de traballo foi premiado polos máis 40 anos de impecable traxectoria creando referentes no imaxinario colectivo galego, primeiro como integrante do grupo Milladorio, máis tarde como director do Conservatorio de Música tradicional en Vigo e despois pola creación da  primeira escola permanente existente en España dedicada á arpa celta ou a creación da orquestra folk SondeSeu.  Recolleu o premio no seu nome D. Ignacio Ojea, xefe do Servizo de Educación do concello de Vigo. 

    Dna. Marisa Castro Cerceda, doutora en bioloxía por exercer un maxisterio socrático de galeguidade nos centos de alumnos e alumnas que a través das súas aulas se formaron en galego. Defensora do uso da lingua galega no eido científico, co seu traballo ten contribuido á galeguización dun sector onde o uso da lingua galega é minoritario.

    Á Asociación Nova Escola Galega, por tratarse dun colectivo da sociedade civil que desde 1983 vén traballando coa finalidade de construir un sistema educativo en galego,  público e democrático, implicando a persoas tanto do ámbito educativo como da sociedade en xeral, e exercendo un labor de transcendencia na formación de novo profesorado como eixo fundamental para a pervivencia da lingua galega. Recolleu o premio o seu presidente D. Xosé Lastra Muruais. 

    Os sons da gaita de Susana Seivane resoaron entre os centenarios muros de pedra   interpretando música do país que o público acompañou emocionado rematando cunha interpretación do Himno Galego. 

    Numeroso público asistente entre os que se encontraban persoal da administración local e autonómica, cargos públicos, institucionais e culturais e amigos e amigas que quixeron acompañar neste acto de recoñecemento público aos premiados. 

    Rematada a entrega de premios e por cortesía da Adega Terras Gauda, nomeadamente do seu presidente D. Xosé María Fonseca Moretón, degustouse e brindouse pola saúde da lingua co viño Terras Gauda, etiquetado en galego que leva o noso idioma polo mundo como sinal de identidade e garantía de orixe.  

    Foi unha tarde garimosa no que a lingua, a cultura, a alegría e a música xunto cos premiados foron os verdadeiros protagonistas. 

    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2019
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2023