Pablo Vaamonde
O primeiro artigo médico escrito en galego durante o franquismo foi publicado polo oftalmólogo Antón Beiras no ano 1957. No limiar defendía o idioma como vehículo adecuado para a ciencia e a práctica médica.
As paixóns deste home exemplar, falecido prematuramente en 1968, foron a medicina e a investigación (acadou notoriedade pola invención do Vigoscopio, un complexo aparello para tratar o estrabismo), mais destacou sobremaneira polo seu compromiso con Galicia e a súa lingua. O seu colega e amigo Sánchez Salorio defíneo como un “galeguista optimista”. Militou nas Mocedades Galeguistas e foi un dos fundadores da editorial Galaxia.
A Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA), organización que pretende potenciar o uso do galego no ámbito sanitario, quere recuperar esta figura da medicina coa pretensión de destacar as persoalidades da nosa historia recente que deben servir como referente colectivo no exercicio profesional e no compromiso co país. No acto de homenaxe, organizado en colaboración co Colexio de Médicos de Pontevedra, que se celebra en Vigo o día 2 de marzo, participan, entre outros, Alonso Montero, amigo persoal do doutor, e Xosé Manuel Beiras, sobriño do homenaxeado.
A firmeza amosada por Antón Beiras para empregar o galego, na fala e na escrita, durante a dictadura franquista, non foi unha actitude prevalente na práctica médica. Pola contra, o uso do idioma ten moi escasa penetración no entorno sanitario e, aínda hoxe -a pesares dos adiantos normativos acadados dende a transición que situaron o galego como lingua oficial deste país-, a súa presenza no mundo da sanidade é moi escasa. Nos hospitais e nos centros de saúde a actividade desenvólvese maioritariamente en castelán.
O uso do galego segue a ser tan residual como hai trinta anos cando os tres médicos do hospital de A Coruña que falabamos galego éramos coñecidos e sinalados por tal condición. Por eso é necesario recuperar para a memoria colectiva a conducta militante daqueles que, como Antón Beiras, non abandoaron o compromiso coa lingua, mesmo nos tempos difíciles. Pero non abonda con ter referentes senon que é preciso elaborar estratexias que permitan favorecer a expansión do idioma nun entorno tan impermeable como o sanitario. Nese senso ISAGA está a elaborar un portal de educación sanitaria, que porá a disposición de sanitarios e usuarios, cun importante arsenal de material divulgativo no noso idioma.
O galego é o patrimonio cultural máis importante de Galicia. Hoxe está en perigo de extinción. As actuáis autoridades non se sinten na obriga de protexer este enorme ben que nos concedeu a historia. Pola contra, amosan desprezo e belixerancia contra da lingua, á que sinalan coma unha carga do pasado –da que cómpre desprenderse- en vez de entendela como unha grande riqueza para a Humanidade, para nós e as futuras xeneracións. Falar galego en Galicia debería ser o máis natural e cotiá en calquera ámbito cidadá e profesional.
Temos un país anómalo e disfuncional que precisa honrar, ainda, a aqueles que usan a propia lingua na vida diaria e no exercicio da profesión.Neste senso ISAGA promove esta homenaxe ao doutor Beiras, para lembrar que debemos continuar na resistencia, que cómpre manter o optimismo e a ilusión como él fixo nos tempos escuros.