Faro de Vigo – Consumo galego

MANUEL BRAGADO

Cando vou ao mercado do Progreso ou o supermercado do noso barrio, prefiro o produto fresco e de tempada fronte ao envasado. Non hai dúbida que opto por unhas xudías do Rosal fronte a outras da mesma clase procedentes de Marrocos; coma escollo unha leituga ou escarola galegas a unha bolsa de ensalada de procedencia navarra ou andaluza. Outrosí sucede na carnizaría onde merco sempre o produto galego, sexa “o porco alimentado con castañas”, o chamado “porco celta” ou a “ternera galega” con denominación de orixe, fronte a outras posibilidades foráneas, que tamén sabemos de excelente calidade. O mesmo sucede con outros produtos da compra diaria, dende o leite e as augas minerais, pasando por aceites, conservas, embutidos, viños, cervexas, até mesmo algún produto de limpeza, onde sempre escollo o produto galego. Sei que con esta elección estou contribuíndo a que estas marcas galegas de calidade acaden unha maior cota de mercado. Sei que mercando produto galego estou axudando a manter as explotacións dos nosos produtores agrogandeiros e das industrias agroalimentarias e de distribución propias, co que isto supón para a consolidación de milleiros de empregos e das condicións dos seus traballadores e traballadoras. Un comportamento de consumo galego que cada vez é mellor comprendido por algunhas empresas de distribución, como é o caso de Gadis, que diferencia na publicidade das súas promocións e nos puntos de venda dos seus liñais cunha cuncha de vieira os produtos que “xeran emprego e riqueza en Galicia”. Unha iniciativa de mercadotecnia en clave galega que merece ser salientada.

Xaora, de todos os produtos galegos, prefiro aqueles etiquetados en galego, como non agocho a miña simpatía por aqueles establecementos de distribución, como é o caso dos da cadea vasca Eroski, que utilizan decote o galego no punto de venda e na súa publicidade. No restaurante non teño dúbida que entre dúas marcas da D.O. Rías Baixas escollerei a que sei etiquetada en galego. Outrosí no supermercado, cando merco leite, os iogures ou o queixo da D.O. Arzúa Ulloa, apostarei por aquelas marcas que etiquetan en galego. Sei que consumindo estes produtos galegos estou -como salienta o chamamento recente da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros, promotora da “Carta do consumo responsable e solidario en lingua galega”- “contribuíndo ao noso desenvolvemento económico, permitindo fixar poboación e garantindo a pervivencia do noso País”.

O consumo responsable é un xeito de participación na transformación da sociedade. Coñecer a trazabilidade de cada un dos produtos, dende a súa orixe e proceso de distribución, até que chega ao seu punto de venda, é un dereito conquistado polos consumidores, que nos permite decidir qué produtos mercar e ónde facelo. O consumo convértese así nun exercicio de cidadanía responsable capaz de contribuír a unha utilización máis equilibrada dos recursos dispoñibles, como a promover unha produción máis limpa e respectuosa cos dereitos dos seus produtores. Outrosí sucede, coa responsabilidade social das empresas na utilización da lingua galega no seu funcionamento e no etiquetado e publicidade dos seus produtos, o que contribúe tanto a achegarlles un valor engadido e a diferencialos no difícil mercado global, coma a visibilizar e a prestixiar á propia lingua.

O éxito dos produtos agroalimentarios galegos e etiquetados e publicitados en galegos, que se debería estender a outros produtos e servizos culturais xerados en Galicia (libros, revistas, xornais, música?), depende da consciencia e responsabilidade de cada un dos consumidores galegos. Cando no supermercado ou no restaurante preferimos un produto galego ou etiquetado na nosa lingua estamos apoiando unha forma proactiva de entender o país. No entorno dunha Galicia en devalo demográfico e coas portas abertas á emigración da súa mocidade, xa non abondan coas declaracións grandilocuentes de amor á Terra. Hoxe cómpre activar un comportamento cívico responsable da cidadanía galega en todos os eidos da vida social, tamén no que atinxe ao seu comportamento como consumidora. Sei que non esaxero cando afirmo que consumir produtos galegos e etiquetados en galego non é só unha forma de sermos e afirmarmos, é tamén apostar pola nosa continuidade como comunidade.

Previous articleGalicia Confidencial -30 novas marcas para a Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros
Next articleGalicia Dixital – López Nogueira e o galego