Os reitores das tres universidades galegas súmanse ao Foro E. Peinador
Os tres reitores das universidades galegas participaron nun dos “encontros de Lestrove” celebrado polo Foro Peinador na data 9 de novembro de 2010 e decidiron integrarse e participar activamente nas actividades que se programen. Tamén acudiron á xuntanza, novos empresarios aos que se lles expuxeron as pretensións de galeguizar o ámbito socioeconómico. Tal é o caso do Grupo Lantero, representado polo seu director xeral Francisco González, que manifestou tamén o seu interese polas actividades do Foro Peinador e a súa integración no mesmo.
O presidente do Foro Peinador, Don Xosé González Martínez, propúxolles aos tres reitores un catálogo de posibilidades que foron aceptadas na súa totalidade: en primeiro lugar a creación dunha cátedra de historia económica (posiblemente co nome de “Enrique Peinador”) e que terá por obxectivo estender entre os cadros empresariais que acudan aos cursos que se programen os coñecementos necesarios para estimular unha maior sensibilidade co patrimonio cultural, que ten antecendentes tan egrexios como os irmáns Fernández López, Ramón Obella Vidal, Álvaro Gil Varela, Xesús Canabal…e o propio Enrique Peinador. Esa formación tamén prevé difundir os elementos singulares que nos definen como comunidade con cultura e lingua de seu.
Tamén se manifestaron os reitores receptivos á proposta de convocar unha xornada anual dedicada ao enxalzamento da empresa en galego. O seu formato aínda está por definir, pero terá un apartado fixo “a exposición das liñas de investigación das tres universidades con aplicación nos sectores industriais e agroalimentarios”.
Don Francisco González, director xeral do Grupo Lantero, manifestou o seu desexo de integración no Foro E. Peinador e sumarse deste xeito aos actos de investidura de galeguismo empresarial cun acto como o celebrado en Celtic Estores e que terá continuidade, no primeiro trimestre de 2011, noutras empresas.
Asemade, foron informados tódolos convocados da próxima campaña de fomento do uso da lingua galega na etiquetaxe dos viños. Esta acción iniciada en 2003 experimentou unha acelerada progresión, que demostra a sensibilidade do sector aos chamamentos que se lle veñen facendo para diferenciárense nos mercados utilizando a lingua como sinal de identidade e garantía de orixe. Se en 2003 non eran máis de 15 as adegas que etiquetaban os seus viños na nosa lingua, hoxe, despois de varias accións que provocaron numerosas adhesións, son xa 170, cífra que aumentará coa comercialización da colleita do 2010.