Bacelos de Prata 2010

    Bacelos de prata 2010

    O 15 de maio de 2010 (sábado) foron entregados en Esposende-Ribadavia, no Pazo dos Ulloa, os Bacelos de Prata que na súa VII edición foron para ADEGA DURÁN, S.L. da denominación de orixe Rias Baixas e o colleiteiro D. EMILIO DOCAMPO DIÉGUEZ da denominación de orixe Ribeiro, dúas adegas que traballan e apostan por mellorar os viños, procurarlles mellor comercialización e identificalos coa lingua e a cultura do País onde nacen e se elaboran, en clara sintonía cos obxectivos da asociación Álvaro das Casas que creou estes premios para recoñecer o esforzo daqueles colleiteiros e adegueiros que traballan na dirección de ELABORAR VIÑOS DE CALIDADE CON SINAL DE IDENTIDADE.

    A adega do Pazo, que o amigo Cándido Vázquez cede anualmente para este acto, non é espazo calquera, foi nos primeiros días de 1936 onde se formalizou a creación da Unión de Colleiterios do Ribeiro do Avia (UCRA) de mans de D. Álvaro das Casas. Unha iniciativa que de non ser pola sublevación militar que viría despois tería dado mellores froitos. Aínda así, pódese dicir que o actual cooperativismo do Ribeiro é o froito maduro da UCRA.

    A Coral de Leiro, desta volta dirixida por Grisel Tessore, foi a encargada de poñerlle a música a un acto cheo de emotividade no que se recordou a D. Francisco Fernández del Riego cunha canción popular que éste cantaba nas sobremesas cando se reunía cos amigos.

    O acto estivo presidido polo o Fiscal Superior de Galicia, D. Carlos Varela García; o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, D. Anxo Lorenzo, quen sinalou na súa intervención que a utilización do galego na etiquetaxe dignifica os nosos produtos e que coa súa utilización onde vaia o noso viño irá a nosa lingua; o Concelleiro de Cultura do Concello de Rivadavia, D. Anxo Collarte, polo Presidente da Asociación Álvaro das Casas D. Avelino Muleiro García quen eloxiou aos dous empresarios premiados por seren capaces de poñer en valor os recursos da nosa terra e animounos a seguiren elaborando viños de calidade e por D. Xosé González Martínez, Presidente do Foro Enrique Peinador e membro do xurado que deu lectura á acta de concesión dos premios.

    Pola súa banda, os premiados manifestaron palabras de agradecemento ao recibir a fermosa medalla de prata coa que son agasallados. D. Emilio Docampo Diéguez, na súa intervención dixo “que coa etiquetaxe estoulle dando o meu viño un valor engadido no mercado fóra do País, porque os produtos galegos son sinónimo de calidade”. O outro premiado, D. Xosé Ramón Durán propietario da Adega Durán, manifestou “mostrarse preocupado polo prestixio do idioma que nestes intres está afectado e que iso tamén afecta ao mercado do viño. Sinalou que a súa aposta polo galego é unha forma de estar no mercado diferenciándonos e ofertando calidade”.


    Sendo as 12.30 horas do día 17 de abril de 2010 reúnense, no Pazo dos Ulloa en Esposende-Ribadavia, os membros do xurado da VII edición dos premios BACELOS DE PRATA, D. Avelino Muleiro García, Presidente da Asociación Álvaro das Casas, D. Xabier Riomao, Profesor de Didáctica da Expresión Artística da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo; D. Antonio Cajide Gulín, adegueiro e enólogo; Dª. Toia Suárez Vicente, enóloga e adegueira premiada na edición anterior; D. Xosé González Martínez, membro da Asociación Álvaro das Casas; D. Flavio Morganti, restaurador, e actuando de Secretaria Dª Carmen Pérez Vaquero, que o é da Asociación Álvaro das Casas, logo de deliberaren sobre as propostas presentadas acordan conceder os PREMIOS BACELOS DE PRATA nesta nova edición a:

    A ADEGA DURÁN, S.L., da denominación de orixe Rias Baixas, pola utilización da lingua galega desde o inicio da súa actividade comercial no ano 1989 na etiquetaxe e publicidade da súa marca: VENTO MAREIRO, cento por cento uva albariña do Salnés, de grande calidade e prestixio; Salienta o xurado a defensa que fai da identidade galega e a participación en proxectos destinados a defenderen as estruturas empresariais das pequenas e medianas adegas para teren maior presenza nos mercados e afortalar, dese xeito, a economía do sector na contorna.

    A D. EMILIO DOCAMPO DIÉGUEZ, da denominación de orixe Ribeiro, pola incorporación ao proceso de galeguización do sector vinícola galego coa súa marca CASAL DE PAULA D.H. elaborada coa caste treixadura. O xurado quere salientar a aposta persoal deste colleiteiro por manter a tradición familiar na elaboración de viños de calidade que se remonta ao inicio do século XX.

    Non quere deixar pasar o xurado esta ocasión para rememorar a celebración do 85º aniversario do I Congreso de Economía de Galicia celebrado en Lugo no ano 1925, efeméride histórica que supuxo a proposta de crear na comarca do Ribeiro un centro de investigación para a mellora do sector vinícola galego que se concretou, moitos anos despois, en 1995, coa creación da Estación Enolóxica do Ribeiro. Así mesmo, o xurado considera que se debería incentivar a produción do viño tostado do Ribeiro que gozou, noutros tempos, de moitísimo prestixio.

    Ás 14,00 horas dáse por rematada a xuntanza, asinando ao pé os membros do xurado desta VI I edición.

    Previous articleBacelos de Prata 2009
    Next articleBacelos de Prata 2011