O 8 de marzo de 1950 morría en Barcelona Álvaro de las Casas Blanco. Unha personalidade senlleira da cultura galega do primeiro tercio do século XX. É, sen lugar a dúbidas, un dos homes que máis se significou a prol da recuperación da identidade cultural galega a carón doutros da súa época e pertencentes ás Xeración Nós.

Fundador de revistas, partidos e asiduo colaborador dos medios de comunicación da época, Álvaro de las Casas soubo combinar o labor intelectual de creador, concretado en máis de sesenta publicacións, co de organizador social. Participou activamente dende o Partido Galeguista na candidatura electoral ás Cortes españolas compartindo candidatura con Castelao e Alexandre Bóveda. Pero o labor máis meritorio e singular de Álvaro de las Casas foi promove-la creación da organización xuvenil galeguista máis importante de todolos tempos. “Ultreia”, que así se chamaba o movemento, pretendeu mobilizar a máis de tres mil afiliados nos centros de ensino de Galicia, tinguíndoos de conciencia galeguista, para poñer en valor o inmensario patrimonio arqueolóxico, paisaxístico e cultural galegos. Moitos dos entón mozos, co tempo chegaron a ser destacados homes do galeguismo cultural e político, D. Xaime Isla Couto e D. Francisco Fernández del Riego son dous bos exemplos.

O seu hiperactivismo cultural recoñéceo Ramón Otero Pedrayo na súa obra “O libro dos amigos”, ou autores máis recentes en biografías e estudios de carácter histórico. Aínda así, Álvaro de las Casas é un personaxe descoñecido polas novas xeracións de galegos. Mesmo no grupo dos máis preocupados polo coñecemento da historia política.

No ano 2003 A Fundación Premios da Crítica Galicia e a recentemente constituída Asociación Álvaro das Casas, promoveron día 8 de marzo de 2003 un acto de recoñecemento a tan egrexio intelectual e galeguista no que fora o seu pazo, en Esposende, concello de Ribadavia, iniciándose, nese momento, a andaina da ASOCIACIÓN ÁLVARO DAS CASAS.

Colocouse unha placa conmemorativa na fachada principal do Pazo dos Ulloa en Esposende en lembranza da súa memoria e houbo un parlamento de intervencións sobre a súa faceta de intelectual e de dinamizador cultural. Editouse unha edición facsímile do seu discurso “Verbas aos mozos galegos”, pronunciado no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela en 1933, no que analizaba as circunstancias polas que atravesaba a comunidade universitaria e cales deberían ser as alternativas para superar aquel estado de hipertrofia académica.

No mes de outubro de 2003 celebrouse na Comarca do Ribeiro un curso sobre “Álvaro das Casas e o seu tempo” en colaboración coa Universidade de Vigo no que houbo unha matrícula de 77 alumnos e que tivo como escenarios as Vilas de Ribadavia, Allaríz, Trasalba, Boborás, etc…