Este acto enmárcase nos múltiples que vén desenvolvendo o colectivo Galeguizar Galicia, a través das múltiples asociacións ou irmandades entre as que se encontra a ISAGA, para buscar e fixar novos espazos de uso para a lingua galega.
O sábado, día 30 de novembro de 2013 levouse a cabo na cidade da Coruña, no salón de actos da Academia de Medicina e Cirurxia de Galicia, a III Asemblea da IRMANDADE DA SANIDADE GALEGA na que se incorporaron 35 novos irmandiños e irmandiñas que se comprometeron publicamente a desenvolver ou seguir desenvolvendo a súa profesión en lingua galega.
A presidencia do acto estivo conformada por Don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia; Don Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística; Don Félix Rubial Bernárdez, Director Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS; Don Xoaquín Monteagudo Romero, Presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística; Francisco Martelo Villar Secretario Xeral da Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia. ; Dª. Josefina Quintáns Antelo, membro da ISAGA e D. Pablo Vaamonde García, coordinador xeral da Irmandade.
No acto fíxose unha homenaxe ao Doutor Fausto Galdo, eminente reumatólogo que foi Xefe do Servizo no CHUAC durante moitos anos nos que exerceu a súa profesión na Coruña. Médico galeguista e humanista que se preocupaba aparte dos problemas da propia enfermidade, doutros aspectos da vida dos pacientes “asombraba que nas consultas preguntase aos pacientes por como lle ía o tractor, a colleita ou os estudos dos fillos” creando dese xeito un contacto humano que perduraba no tempo e axudando, dese xeito, á recuperación anímica dos enfermos. “Coidar ao paciente é colocalo no foco de atención” -dicía-. Os doutores Francisco Cerviño e Angel Vázquez de la Cruz foron os encargados de facer a louva do homenaxeado que foi contestada e agradecida por un dos seus fillos. A ISAGA fíxolle entrega á viúva do doutor Fausto Galdo, Dª. Fernanda Rolón, dun diploma de nomeamento como irmandiño de honra da Irmandade.
D. Xoaquín Monteagudo Romero, presidente da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia (AFNLG) dirixíuse aos asistentes facendo unha exposición do traballo que desde hai máis de 30 anos se vén desenvolvendo, de xeito ininterrumpido, en defensa e promoción da lingua galega indicando que a sanidade era un dos espazos onde especialmente se quería incidir desde hai tempo e que desde o 2010 é xa unha realidade a través da ISAGA .
O doutor D. Pablo Vaamonde García, coordinador xeral da ISAGA, intervíu felicitando os novos irmandiños e irmandiñas pola incorporción á Irmandade e facéndolle ver a necesidade de galeguir o espazo sanitario así como aunar esforzos para que a lingua sexa visible nos centros médicos e hospitais.
Dª Josefina Quintáns Antelo, irmandiña, foi encargada de dar lectura á acta na que acordou o nomeamento dos novos irmandiños e irmandiñas deste ano que coa beca da Irmandade imposta foron asinando un a un o documento de compromiso de uso da lingua galega no desenvolvemento da súa actividade profesional e recibindo o diploma acreditativo de pertenza á ISAGA.
Rematou o acto coas intervencións do Director Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS e de D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia que indicou que desde o seu departamento se apoian iniciativas como esta en defensa e promoción da lingua.
A Coral Saúde, do CHUAC puxo o ramo final coa interpretación de varias pezas galegas e o himno de Galicia.