
O salón de graos Vicente Risco do Campus de Ourense acolleu o 28 de abril de 2026 o acto de ingreso de Carmen Eiró Bouza e Fernando Serrulla Rech como novos académicos numerarios da Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto, institución impulsada pola Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto.
A cerimonia estivo presidida por D. Miguel Ángel Santalices Vieira, presidente do Parlamento de Galicia, e contou coa participación de D. Valentín García Gómez, secretario xeral da Lingua; D. Francisco Javier Rodríguez Rajo, vicerreitor do Campus de Ourense; Dª Isabel Mociño, decana da Facultade de Educación; e D. Xosé González Martínez, presidente da Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto. No salón estivo tamén presente D. Luís García Mañá, presidente honorífico da A.Amigos e Amigas do Couto Mixto e unha ampla representación institucional e social, con presenza de varios concellos da provincia, entre eles Castro Caldelas, Celanova, Entrimo e Calvos de Randín, entre outros.
O acto foi presentado por Dª Carmen Pérez Vaquero, secretaria da Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto. Dª Tamara González Cuquejo, membro da entidade, deu lectura á acta de nomeamento dos novos académicos numerarios, mentres que Dª Inés Vázquez González deu lectura a unhas palabras do director da Academia, D. Xosé Manuel Cid, quen excusou a súa asistencia por motivos persoais.
A louva de D. Fernando Serrulla Rech foi lida polo académico numerario D. Américo Rodrigues, membro fundador do Núcleo de Estudos e Pesquisa dos Montes Laboreiro e a louva de Dª Carmen Eiró Bouza, Fiscala Superior de Galicia, foi lida por D. Xosé González Martínez, presidente da Asociación e do colectivo Galeguizar Galicia.
O encontro contou co acompañamento musical de Ruth González e Alejandro Fírvida, que puxeron o contrapunto artístico a unha xornada marcada pola memoria, o recoñecemento e o compromiso coa cultura común da raia.
A Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto quere ser un espazo onde a memoria e o futuro dialoguen, onde o coñecemento se poña ao servizo da comunidade e onde o galego e o portugués, linguas oficiais da institución, expresen esa ponte viva entre dous pobos irmáns.












