O sector agroalimentario galego ten demostrado estar ao máis alto nivel respecto da calidade e seguridade alimentaria dos produtos que ofrece no mercado. Por iso, cando eliximos os produtos a consumir, temos a opción de escoller aqueles que están a manter unha economía sostible e que xeran riqueza, valor engadido e emprego. Temos un deber solidario coas persoas emprendedoras que deron o paso arriscado de etiquetaren en galego as súas elaboracións ou utilizan o noso idioma nas súas campañas de promoción e comunicación, colaborando no mantemento dos nosos valores identitarios. Temos un deber responsable á hora de decidirmos por que produtos optamos, por iso, neste Nadal consume produtos etiquetados en galego.