En galego, agora e sempre

    En Parada de Sil celebrouse onte un acto de recuperación da memoria lingüística de Galicia arredor da figura de Xosé Campo, labrego, carpinteiro e artista popular que deixou unha fonda pegada no concello a través da súa obra. A homenaxe enmarcouse dentro da campaña “En galego, agora e sempre”, promovida desde hai anos pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNLG), co obxectivo de corrixir unha anomalía aínda presente en moitos cemiterios galegos: que persoas que viviron e falaron en galego sexan lembradas en lápidas escritas en castelán. A iniciativa busca restaurar esa coherencia entre vida, lingua e memoria, facendo que os espazos de lembranza expresen con dignidade a lingua propia do país. 

    O acto desenvolveuse na igrexa de Santa Mariña e continuou despois no cemiterio parroquial coas intervencións do alcalde de Parada de Sil, Aquilino Domínguez Díaz, e Alberto Cuquejo, en representación da AFNLG. Como se ven facendo sempre e de maneira simbólica, colocouse un placa na entrada do camposanto na memoria de todas as persoas que alí xacen como recoñecemento a quen, xeración tras xeración, fixeron posible que Galicia siga tendo lingua e cultura de seu. 

    Procedeuse tamén á substitución da lápida en castelán de Xosé Campo por outra  en coa inscrición en galego, en consonancia coa lingua na que viviu e se expresou sempre, quedando gravada no seu recordo unha frase que resume con xustiza a súa traxectoria vital “A súa vida foi unha obra de arte galega”. 

    Previous articleA LINGUA E A MEMORIA REENCONTRÁRONSE EN BANDE.
    Next articleA Academia das Ciencias Sociais do Couto Mixto nomea academicos numerarios en Ourense a Dª. Carmen Eiró Bouza, Fiscala Superior de Galicia e D. Fernando Serrulla, antropólogo forense.