Xunta – Rodríguez López Auto incorpora o galego á súa actividade co apoio da Xunta

Rodríguez López Auto

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou esta mañá, no polígono industrial de San Cibrao das Viñas, na Investidura de Galeguidade Empresarial de Rodríguez López Auto organizada polo Foro E. Peinador. Durante o acto, descubriuse unha placa que deixa constancia da dita Investidura. Ademais, a empresa presentou un programa de incorporación do galego ás súas actividades que levará adiante co apoio da Consellería de Cultura e Turismo a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, entidade coa que asinou un convenio de asistencia lingüística.

Valentín García saudou que Rodríguez López Auto se sumase ao “crecente número de empresas que se incorporan ao Foro Enrique Peinador porque comprenden que a lingua galega é un activo que as beneficia, á vez que exercen a súa responsabilidade social apoiando o idioma da comunidade onde se radican. Estas empresas de éxito que traballan en galego son un referente e un modelo para as que as rodean e teñen un efecto chamada que espero que se deixe notar tamén neste polígono industrial”. O secretario xeral lamentou “que non poida estar para ver esta Investidura de Galeguidade Empresarial o fundador de Rodríguez López Auto e iniciador do proceso galeguizador que hoxe celebramos, Xosé Rodríguez”, pero deulles os parabéns aos seus fillos “por continuar con entusiasmo este seu proxecto”.

Incorporación do galego a unha empresa de éxito

A empresa Rodríguez López Auto, fundada por Xosé Rodríguez nos anos oitenta do pasado século, está especializada na fabricación de vehículos de transporte sanitario, ámbito en que conta co 70% da cota de mercado español. Carroza tamén vehículos antidisturbios e de transporte especial para o Corpo Nacional de Policía, así como ambulancias para as Forzas Armadas.

A súa incorporación ao Foro E. Peinador irá acompañada dun programa para poñer en galego documentación externa sobre a súa actividade, páxina web, mensaxes gravadas no contestador telefónico, sinalización das dependencias da empresa, comunicacións internas e externas, relacións internas cos traballadores, documentación administrativa (facturas, nóminas, contratos e outros textos) e actos sociais da empresa. Así mesmo, Rodríguez López Auto asumiu os compromisos de fomentar que os traballadores utilicen a lingua galega nas súas relacións internas coa empresa e nas externas cos clientes, abordar un proceso gradual de uso do galego coas diferentes administracións públicas galegas coas que mantén relación, dar a coñecer entre os provedores do ámbito autonómico a súa aposta pola lingua propia de Galicia e realizar actuacións formativas en galego para o persoal da empresa.

No marco do desenvolvemento do seu Plan de normalización da lingua galega no tecido económico 2016-2020, a Secretaría Xeral de Política Lingüística ofrece asistencia para este proceso galeguizador e apoia as actividades do Foro E. Peinador, que reúne empresas que apostan pola normalización e o uso do galego no ámbito da economía.

Previous articleGaliciapress – Rodríguez López Auto incorpora el gallego a su actividad empresarial con la ayuda de la Xunta de Galicia
Next articleLa Región – Rodríguez López Auto, mostra de “galeguidade empresarial”