Xuices Honorarios 2024

    Raiolas de Historia e Identidade: Nomeamento de Xuíces e Xuiza Honorarios no Couto Mixto 2024.

    O día ameazaba choiva na Serra do Larouco, pero ao chegar a Santiago de Rubiás, as raiolas de sol comezaron a abrirse paso entre as nubes. Unha multitude xa percorría as rúas que levaban á igrexa, onde as casas restauradas se engalanaban con colchas antigas, tecidas polas mulleres de antano, e colgadas dos balcóns como símbolo da festa que estaba a piques de celebrarse. Un ano máis, a Asociación de Amigos do Couto Mixto nomeaba dous xuíces e unha xuíza honoraria:

    D. Felipe Lubián, alcalde de Lubián (Zamora), polos seus incansables esforzos durante décadas para manter viva a identidade arraiana, co obxectivo utópico de que algún día se reintegren a Galicia os territorios que lle pertencían, onde os seus habitantes conservan a galeguidade irredenta.

    D. Celso Ferreira Fernández, artesán de corozas, primeiro por necesidade e agora para manter viva a tradición do seu entorno, xa que considera que traballar na recuperación do patrimonio da súa zona é unha forma de consolidar e poñer en valor un modo de vida.

    Dª Helena Pousa Ortega, polo seu labor de investigación sobre as linguas nas marxes do río, concretamente nos concellos do Baixo Miño galego e parte do Alto Minho portugués, polo seu compromiso coa defensa da cultura arraiana e o estudo da lingua galego-portuguesa.

    Carmen Vaquero foi a mantedora dun acto que busca recuperar a singularidade dos territorios “mixtos”, espazos de fronteira e memoria.

    O acto estivo presidido por Dª Sandra Quintáns Vázquez, Xefa Territorial de Cultura en Ourense en representación da Xunta de Galicia; Dª Teresa Barge, deputada provincial en representación da Deputación Provincial de Ourense; D. Aquilino Valencia Salgado, alcalde de Calvos de Randín; e D. José A. Feijóo Alonso, alcalde de Baltar.

    Os tres homes de acordo, D. Cesáreo González Veloso, da freguesía de Santiago de Rubiás; D. Sergio Álvarez Álvarez, da freguesía de Meaus; e D. Perfecto Rodríguez Jardón, de Rubiás, achegaron o Arcón da Memoria para presidir o acto, abríndoo cada un coa súa chave.

    D. Luís García Mañá, presidente da Asociación e visionario da recuperación do Couto Mixto, foi homenaxeado polos alcaldes antes do acto principal, coa colocación dunha placa na súa honra que quedará permanentemente nos aledaños da igrexa de Santiago de Rubiás. Coas súas palabra emocionadas aperturou o acto rodeado dos membros da asociación no entorno da antiga igrexa do lugar. 

    María do Ceo e a música de Alex e Xosé Salgado conectaron  a realidade que se estaba a celebrar cos sentimentos máis profundos que nos unen coa nosa identidade.  

    As doutoras Olalla Quintairos e Manuela Valencia fixeron as louvas de Felipe Lubián e Helena Pousa, respectivamente, con palabras acertadas que destacaron os seus méritos.  Tamara González, veciña de Santiago de Rubiás, encargouse de louvar a Celso Ferreira, artesán dos territorios mixtos.

    O acto concluíu co Himno do Couto Mixto, con letra de Armando González e música de María do Ceo que foi cantado por todos os presentes que despois celebraron un xantar popular no Diestro do Crego, onde máis de 180 persoas festexaron xunto cos novos xuíces e xuíza honorarios,  que a historia destes territorios se siga celebrando cada ano.

    O Centro Dramático Galego, xunto coa compañía de Teatro O Cubo, puxeron o broche final coa representación teatral “De Vilatriste a Vilalegre”, concluíndo un día festivo no que a historia dos territorios mixtos achegou a dous países que, lonxe de estar separados, cada día se senten máis próximos.

    Previous articleXuices Honorarios 2023