O COUTO MIXTO RENOVA O SEU COMPROMISO COA MEMORIA E A IDENTIDADE NA CERIMONIA DE NOMEAMENTO DE NOVOS XUÍCES E XUÍZAS HONORARIAS.
Santiago de Rubiás, 5 de xullo de 2025
A comitiva formada polos novos Xuíces e Xuízas Honorarias, os Homes de Acordo de Santiago, Rubiás e Meaus, os membros do Patronato da Asociación de Amigos do Couto Mixto e diversas autoridades, entre as que se atopaban os alcaldes de Baltar, Calvos de Randín e Entrimo, a alcaldesa de Rairiz de Veiga e o Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, iniciou, como cada ano, o acto institucional cun xesto de homenaxe diante da estatua do derradeiro xuíz do Couto Mixto, D. Delfín Modesto Brandón, coa entrega dun ramo de flores en lembranza emocionada do seu legado.
Xa no interior da igrexa, a secretaria da asociación, Carme Pérez Vaquero, única muller que ata o momento formaba parte do Patronato, deu a benvida ás novas integrantes Tamara González, Manuela Valencia, Carmen Eiró e Inés Vázquez, veciñas do territorio histórico do Couto Mixto. A súa entrada na entidade marca un fito: a partir de agora a asociación denominarase oficialmente Asociación de Amigos e Amigas do Couto Mixto, recoñecendo o compromiso feminino cun proxecto de recuperación da memoria, da identidade e do territorio.
Durante a cerimonia, Luís García Mañá foi nomeado Presidente Honorífico en recoñecemento ao seu labor incansable pola recuperación do Couto Mixto como símbolo de liberdade e irmandade. Cedeu a presidencia ao promotor cultural Xosé González Martínez, nunha emocionante entrega de diploma e un abrazo que simbolizou a continuidade dun proxecto colectivo.
No acto intervíu tamén o Secretario Xeral da Lingua da Xunta de Galicia, Valentín García Gómez, quen expresou a súa satisfacción pola incorporación de mulleres ao colectivo da asociación, destacando que “o Couto Mixto leva anos recuperando unha memoria que hoxe se completa cunha mirada plural e integradora”. Subliñou a importancia do momento no que “por primeira vez na historia desta entidade, as mulleres ocupan un espazo central como valedoras da memoria e da identidade”.
Tamén puxo en valor a diversidade lingüística do acto, no que se escoitaron intervencións en galego, catalán, portugués e español, unha riqueza que, segundo dixo, “nos define como país e que aquí, no Couto Mixto, cobra un significado especial: un territorio de dúas linguas pero cun mesmo corazón”.
Os novos Xuíces e Xuízas Honorarias do Couto Mixto foron entregados Asociación de Mulleres Rurais Raiñas da Picoña, que o recolleu a súa presidenta, Dª Cristina Salgado Estévez, quen puxo en valor o papel das mulleres no rural, destacando “a importancia de crear espazos de encontro, saúde e compromiso colectivo”; A Entidade do Vall d’Arán, representada polo conseller de turismo D. Josep Canut, quen se amosou emocionado ao coñecer a realidade histórica do Couto Mixto e entregou variada documentación institucional para ser gardada no simbólico Arcón da Memoria, sinalando que “este debe ser o comezo dun novo espazo de encontro entre dúas realidades irmás”; O Centro Social, Cultural e Desportivo de Vilarelho da Raia, representado polo seu presidente D. Carlos Silva, quen agradeceu a distinción en nome de toda a comunidade facendo entrega dunha medalla ao membro da Asociación, Xosé Manuel Cid, como mostra de agradecemento pola súa colaboración e apoio constante en proxectos transfronteirizos.
Como é tradición, o Arcón da Memoria presidiu a cerimonia, traído desde a sancristía polos tres Homes de Acordo e alí se gardaron os documentos xerados durante este ano, reforzando o valor simbólico e patrimonial deste espazo compartido entre Galicia e Portugal.
As novas irmandiñas que entraron a formar parte da asociación participaron activamente na cerimonia facendo as louvas dos homenaxeados poñendo voz a un compromiso que se estende no tempo e se fortalece con cada incorporación.
A artista María do Ceo, acompañada polos músicos Álex e José Salgado, encheu de emoción o acto coa súa voz, poñendo o broche á cerimonia coa interpretación do Himno do Couto Mixto, con letra de Armando González e música da propia artista. O acto rematou cun xantar popular no Diestro do Crego no que participaron máis de 200 persoas convertendo a xornada nun verdadeiro exercicio de celebración da memoria, a identidade e a convivencia entre pobos irmáns.


























































