Vai aló século e medio dende que os estados español e portugués coa promulgación da Lei de Lindes, finiquitaban unha entidade territorial que nacera na Idade Media: O Couto Mixto, repartindose os territorios entre os dous estados. Pero esa nova organización territorial non puxo fin ás comunidades que os habitaban e que sempre se sentiron arraianas, participando dunha tradición antropolóxica e cultural que aínda hoxe está viva nas conciencias dos homes e mulleres que moran nesas terras.
O que si se perdeu foi o carácter xurídico-político do territorio. Perdéronse os privilexios dos que gozaban os cidadáns do Couto Mixto, que o tempo foi esluíndo a súa memoria colectiva.
Acudíu ao seu rescate a Asociación de Amigos do Couto Mixto que desde 1992 puxo ao descuberto esa historia singular. Froito dese labor ininterrompido é que hoxe o Couto Mixto e a memoria que del queda, ten acadado unha proxección tanto a nivel autonómico, nacional como internacional.
A igrexa de Santiago de Rubiás acolleu o sábado día 6 de xullo de 2019 unha nova cerimonia de nomeamento dos xuices honorarios do Couto Mixto. Tres novas incorporacións que pasan a engrosar a lista daquelas que a través dos anos veñen recuperando a memoria esvaida.
Xesús Angel Díaz Estévez “Suso Díaz” pola súa condición arraiana e porque nas súas creacións literarias, concretamente no poemario “A utopía que diluíu o vento” ten recreado o ambiente humano e paixasístico das terras estremeiras; Dª. Mercedes Vázquez, etnógrafa e fotógrafa que a través da súa amplísima obra fotográfica ten contribuido o coñecemento da antropoloxía cultural de aquén e alén da raia asi como á recuperación do seu patrimonio cultural inmaterial e a Cámara Municipal de Melgaço, nomeadamente o seu presidente D. Manuel Batista Calçada Pombal, por ser un concello arraiano, próximo ao Couto Mixto que a través dun espazo común compartido como é o Parque Natural Xurés-Géres forxaron durante séculos unha historia e un territorio común.
Unha morea de xente ateigou á histórica igrexa despois dunha entrega floral ante a estatua do derradeiro xuíz do Couto Mixto no adro da mesma. O acto estivo presidido polos Homes de Acordo que son os encargados de gardar a Arca da Memoria e as chaves que abren as súas pechaduras cada ano, polos membros da Asociación de Amigos do Couto Mixto, polo alcalde de Calvos de Randín, o teniente de alcalde de Baltar e polo Secretario Xeral de Política Lingüística -xuíz honorario desde 2017- que recordou de o “Couto Mixto é un dos símbolos de unión entre galegos e portugueses, pobos irmáns tanto na historia como na cultura”.
Acompañou o acto a música e voz de María do Ceo interpretando o Himno do Couto Mixto e unha vez rematado fíxose unha recreación da historia do CM a cargo do grupo Platea Lúa no adro da igrexa. Un xantar popular no diestro do crego, no que participaron 250 persoas, foi remate perfecto para unha festa que cada ano vai acando maiores concorrencias.