Cando se cumpren 150 da abolición da entidade xurídico-territorial na raia seca entre Galicia e Portugal, coñecida pola denominación do Couto Mixto, a Asociación de Amigos quixo que a convocatoria dos actos deste ano tivesen o sesgo que a aqueles feitos históricos borrou. Foi o Tratado de Lindes entre España e Portugal de 1868 o que puxo fin a un territorio singular que entre todas as características que o definían, salientaba ser o precedente máis evidente das normas democráticas para a autoorganización dos seus habitantes. Efectivamente foi así, porque no longo período das monarquías feudais absolutistas nas que os cidadáns eran considerados servos dun señor, no Couto Mixto xa tiñan un goberno que elixía os seus cargos cada tres anos, habilitando o seu ordenamento xurídico poidendo os electores revogar o seu mandato se se observan condutas contrarias ao mandado outorgado.
Asemade, como consecuencia daquel Tratado, os pobos galegos de Souteliño, Cambedo e Lamadarcos pasaron a se integraren no Estado portugués e os do abolido Couto Mixto pasaron a seren galegos. Mais aquel trastocamento non impedíu que os habitantes desas freguesias seguisen compartindo cos seus veciños as súas orixes. Por esta razón a Asociación de Amigos do Couto Mixto nomeou nesta nova edición Xuíces Honorarios aos presidentes desas freguesías, recoñecendo nos seus moradores o espírito de convivencia transfronteiriza que se enmarca nun marco máis amplo que é a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugual, cuxos lindeiros son os mesmos da antigua Gallaecia romana.
Os gaiteiros acompañaron á comitiva ata a igrexa de Santiago de Rubiás onde unha muller do pobo fixo entrega dunha ofrenda floral ante a estatua do derradeiro xuíz do Couto Mixto, D. Delfin Modestro Brandón.
No adro da igrexa, a carón do derradeiro xuíz do Couto Mixto, foi descuberta unha placa conmemorativas do 150 aniversario da abolición dese territorio singular.
Foi un acto cargado de emoción ao que asistiron máis de duascentas persoas e estivo presidido polos alcaldes de Calvos de Randín, Baltar e polo Secretario Xeral de Política Lingüística D. Valentín García Gómez.
O Presidente da A. Amigos do Couto Mixto, D. Carlos Varela García deu a benvida ao público ata a antiga igrexa, onde os Homes de Acordo portaron o Arcón da Memoria para presidir a cerimonia ata o seu peche, despois de enchelo cos documentos que se orixinaron nesta nova convocatoria.
D. Luís García Mañá, fixo a louva dos novos xuices honorarios e recordou a historia que enmarca toda a celebración dos actos.
Uxía e o pianista Alberto Vilas puxeron a nota musical ao acto interpretando varias pezas do cancioneiro popular galego e ao remate interpretouse o Himno do Couto Mixto a dúo con María do Ceo que estaba presente na igrexa.
O Grupo de Teatro da Deputación Provincial de Ourense fixo no adro da igrexa unha pequena representación da historia dun pobo cuxa memoria se reivindica anualmente.
Entre o numeroso público estaban presentes os vicepresidentes das cámaras municipais de Montalegre e Chaves ratificando coa súa presenza o compromiso cos lazos de amizade dos pobos de aquén e alén da fronteira.