Xuices Honorarios 2011

    A Igrexa de Santiago de Rubiás, nos territorios arraianos do Couto Mixto, foi escenario un ano máis do acto de investidura dos Xuices Honorarios, nomeamento co que a Asociación de Amigos do Couto Mixto distingue, desde hai máis de 10 anos, a aquelas persoas que co seu traballo ou achegas fan que este singular territorio sexa devolto á memoria colectiva de Galicia.
    A comitiva iniciou a súa andaina ás 12:30 horas e os homenaxeados foron arroupados polos “Homes de acordo”, autoridades e demais membros da asociación cara o adro da igrexa. Como cada ano, unha muller do pobo foi a encargada de depositar un ramo de flores diante do monumento ao derradeiro xuíz do Couto Mixto e a continuación, coa igrexa ateigada de xente e aos acordes dunha marcha procesional interpretada polos gaiteiros do lugar, entraron Dª. Paula Gondinho, D. Antonio Rodríguez Colmenero e D. Xosé Badás acompañados polo presidente da asociación D. Luís García Mañá e polos “gardians das chaves”, D. Cesáreo Glez. Veloso, D. Sergio Álvarez Álvarez e D. Xosé López Añel.
    Foi D. Xosé Manuel Cid, membro da asociación, o encargado de ir facendo cadanseu chamamento para a apertura do arcón que garda os documentos da historia recuperada
    D. Luís García Mañá pedíu no seu discurso a colaboración das administracións públicas para provocar o renacer da Galicia interior e en especial dos pobos arraianos do Couto Mixto, evitandodese modo a súa destrución histórica e o tráxico abandono que sufren os territorios apartados dos grandes núcleos de poboación e dos centros de poder. Cunha proclama final de “Viva o Couto Mixto” foi quen de provocar a atención do público asistente quen agradeceu as súas palabras cun forte aplauso
    O Fiscal Superior de Galicia foi o encargado de facer a louva dos homenaxeados e a continuación, s novos xuices honorarios foron chamándose un a un e aceptando as distincios de mans das autoridades presentes, o bastón de mando, a chave da arca e o diploma acreditativos dos méritos que o fan merecedor da distincion. Un a un foron agradecendo o premio dirixindo unhas palabras ao público
    Pero o que marcou a diferencia con outros anos foi a música, interpretada por un trio lisboeta que María do Ceo trouxo para arroupar a súa voz. Varias interpretacións de cancións galegas e portuguesas foron debulladas ao longo do acto provocando alegría, atención e aplausos do público. Pero o momento máis alxido do acto foi cando antes da interpretación do himno galego interpretouse o himno do Couto Mixto. Unha fermosa canción coa que María do Ceo agasallara á asociación no ano 2010 cando foi nomeada xuiza honoraria. Un CD e un tríptico coa letra de Armando González e a música e voz da intérprete, foille entregado a cada un dos asistentes.
    Rematou a xornada cun xantar popular no destro do crego ao que acudiron preto de duascentas persoas. Foi un día de recuperación da historia de Galicia no que o pobo foi o realmente protagonista.