Coa precisión horaria que impuña o protocolo comezaron os actos da investidura dos Xuíces Honorarios do Couto Mixto. Un ceo azul anunciaba un día de calor, que foi aumentando a medida que transcorrían as horas. Ás 12:30 congregábanse os invitados no cruzamento da estrada que vai a Calvos. A Garda Civil foi distribuíndo o intenso tráfico automobilístico. Desde Vilagarcía e a Estrada chegaron autobuses con senllas embaixadas para sumárense como “Concellos amigos do Couto Mixto”. Os rexedores dos concellos galegos arraianos e os das cámaras e freguesías portuguesas formaban corros onde se prodigaban saudos e apertas afectuosas. Os “Homes de Acordos” coas súas capas sobre as que campan as tres chaves, símbolo daquelas terras, encargábanse do cortexo cívico compostos polos novos Xuíces Honorarios, autoridades e invitados, que percorreron as ruelas que levan á igrexa de Rubiás dos Mixtos, na que non había máis espazo para acoller a tantos invitados como alí había. No adro fíxose a tradicional ofrenda ao derradeiro xuíz do Couto Mixto perpetuado nun ha estatua de bronce no adro da igrexa.
A liturxia do acto foi dirixida por Xosé Benito Reza Rodríguez, secretario da Asociación de Amigos do Couto Mixto, que estaba acompañado no presbiterio da igrexia polos demais membros da asociación revestidos coas capas.
Aos acordes dunha marcha procesional interpretada polo grupo de corda XAIVA entraron na Igrexa os novos Xuíces Honorarios, Maria do Ceo de Xosé Luís Mendez Ferrín -Manuel A. García González, o terceiro Xuíz non puido asistir- acompañados do Presidente da Asociación Luís García Mañá, precedidos polos Homes de Acordo, Cesáreo, Serxio e Xosé.
Un ano máis repetíuse o ritual, o secretario da Asociación foi facendo cadanseu chamamento -Don Cesáreo, é vostede Home de Acordo de Santiago de Rubiás?- ao que ía respondendo -Son, si señor- -Pois abra coa súa chave unha das pechaduras- E así, dúas veces máis cos outros Homes de Acordo que se ían identificando e cerimoniosamente ían abrindo cadansúa pechadura.
Unha vez aberto o arcón, o tótem que garda os documentos da historia rescatada, o Presidente de Asociación deu un discurso emotivo e reivindicativo, que foi rubricado polos aplausos dos presentes. Este ano os Xuíces Honorarios leron unha fórmula de compromiso en virtude da cal manifestaron defender os valores culturais peculiares daquel singular territorio e dirixíronse ao público con cadanseu discurso: Xosé L. Méndez Ferrín e Xoán Fonseca, que actuaba por mandado de Miguel A. González Maria do Ceo, prefiríu cantar -porque o meu é expresarme a través da música- Interpretou 3 poemas, entre eles un feito para á ocasión coma himno ao Couto Mixto, con letra de Armando Vázquez.
Chegoulles o turno aos rexedores municipais de Vilagarcia e d´A Estrada, aos que se lles impuxo cadansúa insignia de prata coa tres chaves que simbolizan ao CM. En nome deles falou Xosé Castro Ratón, tenente de Alcalde de Vilagarcía. No acto asinouse unha Declaración do Couto Mixto que foi asinada por varios representantes dos concellos raianos e na que se comprometen a intentar revitalizar e defender os territorios do Couto Mixto e a súa singularidade.
Unha vez rematado o acto procedeuse á solta de 24 pombas que previamente lles foran entregadas ás autoridades presentes. Luís M. García Mañá anunciou o motivo de tal solta e á voz de ¡pola libertade! deixáronse voar lonxe.
Rematou a xornada cun xantar popular no destro do crego ao que acudiron preto de trescentas persoas.
Van xa… moitos anos, desde que a Asociación de Amigos do Couto Mixto rescatou do esquecemento esta República dos soños, un lugar histórico onde as terras do Val de Salas e as de Barroso se xunguen, dándose unha aperta secular. Asi tornamos a aguilloar a memoria histórica dun espazo de convivencia ao que lle riparon sen miramentos os seus privilexios históricos, condenando aos seus habitantes á pobreza e á emigración. Hoxe, apenas poboadas, as aldeas de Santiago, Rubiás e Meaus, loitan pola súa autoestima, atopándose coa realidade dun destino incerto. O futuro non se albisca, mais no presente, a Asociación de Amigos do Couto Mixto, celebra este día e distingue a quen, entre os seus valores, acreditou que, por riba das fronteiras, están os homes e mulleres de calquera procedencia e a necesidade de convivirmos en paz.
Luís Manuel García Mañá
Presidente da A. de Amigos do Couto Mixto