Desde hai dez anos a Asociación de Amigos do Couto Mixto vén traba-llando arreo na recuperación da memoria dun pobo que perdeu a súa identidade territorial por mor dun tratado de lindes a finais do século XIX. Neste labor axudáronnos os veciños coas súas achegas- relatos da memoria familiar as máis das veces- , e un sen fin de personalidades sobranceiras no ámbito universitario, coas que organizamos cursos académicos cos avais das uni-versidades de aquén e alén da raia; rescatamos estudos e monografías esparexidas, e publicamos traballos de investigación que nos permiten ir reintegrando a personalidade singular dunha república esquecida, dunha república dos soños como tantas veces a temos chamada.
A todos eles debémoslle gratitude pola súa colaboración. E a algúns deles fómolos distinguindo durante estes anos como “Xuíces Honorarios do Couto Mixto”. Este ano, continuando con esta tradición, outorgámoslles tal
recoñecemento aos deputados Alberto Fidalgo Francisco e Laura Seara Sobrado, ámbolos dous con senllas iniciativas parlamentarias promoveron debates nas respectivas institucións da representación popular para recoñecer unha entidade territorial histórica. A Miguel Blanco Grande, crego de Santiago de Rubiás, “alma mater” da teoloxía que aposta pola inculturación nas tradicións dos mixtos, e a Máximo Salinas Valencia, profesor universitario, autor da monografía “O Couto Mixto.O seu contorno arraiano e os pobos promíscuos”, noutrora presidente da nosa Asociación.
Quero saudar en nome da Asociación ás novas corporacións municipais dos concellos de Calvos de Randín e Baltar, entidades que comparten este patrimonio histórico-territorial, ao tempo que solicitamos a súa colaboración para reconstruirmos entre todos a memoria do Couto Mixto.
Luis M.García Mañá. Presidente.
Os homenaxeados con tan honrosa distinción no acto deste ano recibiron a vara de mando e a chave do arcón onde se garda a historia dun tempo pasado. Os méritos de cada un deles son:
D. Miguel Blanco Grande
Crego do Couto Mixto, que desde a súa posición como home da Igrexa en permanente contacto co pobo e coa parroquia, entendeu desde o primeiro momento a importancia do noso proxecto, axudando no seu labor pastoral con xenerosidde e eficacia, á recuperación da memoria histórica do Couto Mixto e da identidade do seu pobo, apoiándonos en todas cantas actividades ten realizado esta Asociación de Amigos do Couto Mixto.
Dª. Laura Seara Sobrado
Deputada no Parlamento de Galicia polo Partido Socialista de Galicia (P.O.S.E.), por ser quen de presentar unha proposición non de lei sobre o Couto Mixto no Parlamento de Galicia, obtendo como resultado o apoio unánime de tódolos grupos parlamentarios para o recoñecemento histórico da realidade do Couto Mixto e de tódalas súas singularidades, así como para o desenvolvemento de accións e iniciativas socioeconomicas que poñan en valor ese territorio.
D. Alberto Fidalgo Francisco
Deputado no Parlamento de Galicia polo Partido Socialista de Galicia (P.O.S.E.), por ser quen de presentar unha proposición non de lei sobre o Couto Mixto no Parlamento de Galicia, obtendo como resultado o apoio unánime de tódolos grupos parlamentarios para o recoñecemento histórico da realidade do Couto Mixto e de tódalas súas singularidades, así como para o desenvolvemento de accións e iniciativas socioeconomicas que poñan en valor ese territorio.
D. Máximo Salinas Valencia
Catedrático da Universidade de Santiago. Primeiro Presidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto, natural de Meaus. A súa dedicación e entrega xenerosa á recuperación da memoria histórica do Couto Mixto e as monografías publicadas sobre esta república esquecida, contribuiron a salvar do esquecemento unha vella institución territorial, que hoxe é coñecida e mesmo estudada.