Xuices Honorarios 2002

    Continuando cunha tradición iniciada hai tres anos pola Asociación de Amigos da medieval e extinta república independente galego-portuguesa do Couto Mixto, mañá se agasallará, na igrexa de Santiago de Rubiás, a tres persoas destacadas polos seus traballos a prol da lingua e a cultura galegas, persoas comprometidas a nivel individual así como en proxectos colectivos. Constantino García, catedrático emérito da USC e ex-director do Instituto da Lingua Galega e do Centro de Investigación Ramón Piñeiro; Xosé González Martínez, presidente da Fundación Premios da Crítica Galicia, da Fundación Lois Peña Novo e activador de canta iniciativa cultural de amplo espectro existe en Galicia, e Antonio López Martín, Alcalde de Calvos de Randín, que lle deu pulo na práctica a esta idea do Couto Mixto.

    D. CONSTANTINO GARCÍA GONZÁLEZ, Catedrático Emérito da Universidade de Santiago de Compostela, pai da magna obra “Atlás Lingüístico de Galicia”.

    D. XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ

    D. XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ, Presidente da Fundación Premios da Crítica de Galicia e da Fundación Lois Peña Novo, polo seu traballo de impulso permanente a favor de iniciativas culturais existentes en Galicia.

    D. ANTONIO LÓPEZ MARTÍNEZ, Alcalde do Concello de Calvos de Randín, territorio que antigamente ocupaba o Couto Mixto, pola posta en valor desta riqueza cultural e patrimonial.

    Tamén no 2002 foi o Couto Mixto o lugar escollido para presentar publicamente o manifesto “Falamos unha lingua milenaria” promovido pola Fundación Premios da Crítica Galicia, co que algúns dos nomes máis destacados da cultura do país, ata un total de 149 persoas, dezasete institucións e nove membros da Real Academia, proclamaban a súa fidelidade ao galego como lingua propia e independente. Coincidindo con estes evento creouse en Santiago de Rubiás un milladoiro de pedras e palabras. Esta peculiar construción será un monte de pedras que persoas de todo o país achegaron a este lugar con inscripcións de palabras propias do seu lugar de orixe. A intención é que este milladoiro vaia medrando coas achegas de novas persoas comprometidas coa lingua. Xesús Ferro Ruibal, que actuou coma presentador deste acto ou Xosé Manuel Cid, decano de humanidades en Ourense foron dos primeiros en depositar cadansúa pedra.

    Previous articleXuices Honorarios 2001
    Next articleXuices Honorarios 2004