O xefe superior da Polícia publicará en abril un novo libro de intriga ambientado no Brasil do século XIX. “Sobre o que realmente me interesa escribir é sobre o home, o resto é accidental”
Máis aló do uniforme, Luis García Mañá (Ourense, 1950) agocha un home amante das letras e da historia. O xefe superior de Policía de Galicia conta cunha carreira literaria na que se poden atopar tanto ensaios como novelas. Na súa obra de non ficción, destacan os estudos que levou a cabo sobre a fronteira entre Galicia e Portugal como a titulada Couto Mixto: unha república esquecida (Universidade de Vigo, 2000). Outro campo literario que cultiva o xefe superior de Policía de Galicia é a ficción. Está a piques de publicar con Xerais O grito do Ipiranga, unha nova novela que pechará a triloxía que iniciou co O lume de Santo Antón (Xerais, 1997) e continuou coa obra Menino morreu (Xerais 2003). O seu novo libro poñerá punto e final as peripecias de Nemesio Castro, un investigador galego do século XIX que é un antecedente dos detectives da literatura e do cine negro.
Que ofrecerá esta nova novela de García Mañá?
Pois a novela rematará a triloxía que fixen cun personaxe chamado Nemesio Castro que se mete en intrigas polas súas habelencias e os encargos que recibe para investigar. O libro, que presentamos o mes que vén na Fundación Barrié de la Maza, trata fundamentalmente dunha historia de galegos emigrados a Brasil a mediados do século XIX. A obra ten de fondo dous elementos. Por unha banda, unha serie de acontecementos cos que se dá fin á escravitude en Brasil e, pola outra, os problemas ecolóxicos que xa existían daquela. Hai unha serie de intrigas que fan que Nemesio Castro visite lugares como Río de Xaneiro, Malta, Barcelona ou Lisboa.
Que lle motiva a situar parte da súa obra de ficción en marcos históricos?
Dúas razóns. A primeira é que me encanta a Historia en xeral e o século XIX en particular. Calquera lector darase conta ao coller o libro de que me enchoupei na historia de Brasil. Xa a novela de arranque, O Lume de Santo Antón, fundamentábase en feitos reais. Esa primeira novela cinguíase moitísimo a uns documentos. Logo chegou a segunda parte na que mantiven personaxes, pero cambiei os escenarios, acheguei novos elementos. As novelas teñen a intención de entreter, pero hai que ir máis aló. As miñas buscan outras lecturas, principalmente que o lector saia do libro con algo novo no seu coñecemento. Aí está o segundo motivo.
E cales serán as outras lecturas que achegue ‘O grito do Ipiranga’?
Pois as outras lecturas teñen moito que ver coas reivindicacións sobre a segregación racial, sobre eses asuntos que fan diferentes a cada quen pola pel e que dificultan, no entendemento dalgúns, a realidade de que todos somos iguais. Tamén están relacionados cos problemas de ecoloxía que vivimos hoxe neste mundo cambiante. Todo iso non é nada novo, xa existía naqueles tempos en terras tan impresionantes como son as brasileiras. Os atentados ecolóxicos non son ningunha novidade. E sempre houbo xente que sacou proveito deles.
Non sente a tentación de empregar casos que investigara para novelalos?
De momento quero evitalo. Eu pasei os primeiros anos da miña longa carreira na policía científica e sigo empurrando para que estas unidades vaian cada vez a máis. Pero non quero reflectir as súas pescudas, o seu traballo. Evito reflectir o seu mundo porque, realmente, a min me interesa o home moito máis que os elementos técnicos que emprega. O home é a persoa, é o máis importante. Todo o demais é simplemente accidental. Todo isto non quere dicir que algún día non trate esas realidades policiais, pero ese momento, que eu creo que chegará, aínda non se presentou.
Por ese interese humano creou ese investigador, ese “predetective” que é Nemesio Castro?
A denominación de “predetective” que acuñaron en Xerais é moi axeitada. Nemesio non emprega ningún método científico. Funciona con intuición. A intuición, para calquera que se dedique a investigar o que sexa, é a ferramenta esencial. Pero, agora, a ciencia resulta imprescindible.
Vostede á hora de preparar unha obra de ficción ou unha ensaística, realiza un fondo proceso de documentación. Nota diferenza á hora de poñerse a preparar unha novela ou ensaio?
Hai unha gran diferenza. O que máis cambia, cando te pos a escribir, é que no ensaio ten que ser todo rigoroso, científico e cinguido á realidade que estudas. A ficción, pola súa banda, permíteche divagar. Eu, síntome máis cómodo no ensaio. Non tes que facer o esforzo de encaixar o comportamento humano crible dunha novela cos aspectos da pescuda histórica que se realiza. Eu procuro que as miñas novelas sempre teñan unha alta porcentaxe de documentación. O resto resérvoo para o relato, para as personaxes ficticias que se moven nun mundo documentado e verosímil.