Tempo de Lecer Ourense – Homenase ao doutor Gonzalo Gurriarán Gurriarán

O sábado, 22 de marzo, terá lugar no Barco de Valdeorras unha homenaxe ao Dr. Gonzalo Gurriarán Gurriarán (1904-1975) organizada pola Irmandade da Sanidade Galega en colaboración co Concello do Barco.
Os actos darán comezo ás 12.00 horas coa inauguración dunha placa en lembranza do Dr. Gurrirán, que será colocada na finca da rúa Manuel Quiroga onde se encontraba a súa clínica, no que falarán Xosé Luis Álvarez, da Xunta Directiva da ISAGA e o Alcalde do Barco, Alfredo García.

Seguidamente, ás 12.30 horas terá lugar un acto, aberto ao público igual que o anterior, no salón de actos do Edificio Multiusos no que se glosará a figura do médico valdeorrés. Tomarán a palabra Ricardo Gurriaarán Rodríguez. fillo do Dr. Gurriarán e historiador; Roberto Fernández, médico de Familia; Carlos Eirea Eiroa, da Xunta Directiva da ISAGA e o Alcalde do Barco. Un dúo de gaita e piano da Escola de Música do Barco porá a nota musical do acto.

Biografía

Gonzalo Gurriarán Gurriarán naceu no Barco en 1904 no seo dunha familia de comerciantes e viticultores. Comeza a estudar Medicina en Salamanca e continúa logo na Universidad Central de Madrid, que conta cun cadro de profesores e investigadores encabezados por Ramón y Cajal. Instalado na Residencia de Estudiantes, Gurriarán vai ter relación coa flor e nata da intelectualidade española do momento. En 1926 finaliza a carreira e continúa na Residencia mentres fai os cursos de doutoramento e o servizo militar, con destino nun batallón sanitario da capital. En 1928 a Junta para la Ampliación de Estudios concedeulle unha bolsa para continuar a súa formación en Estrasburgo. En 1930 volve a Madrid e le a súa tese de doutoramento titulada: “Estudios experimentales sobre la obtención de la úlcera crónica gastroduodenal” , obtendo a cualificación de sobresaínte.

En 1931 obtén unha segunda estancia en Estrasburgo. En 1932 a Academia Nacional de Medicina concédelle o premio bianual de investigación Rodríguez Abaytua, unha das máis altas distincións desta institución, que tamén recibiría na edición de 1934. Presenta relatorios en varios congresos e publica artigos en revistas médicas e científicas. En 1934 vai ser nomeado por un ano Axudante Técnico Quirúrxico do Departamento de Farmacoloxía e Terapéutica da Facultade de Medicina de Madrid. Abre unha consulta no piso onde vivía e un laboratorio para a administración de grupos sanguíneos e para facer transfusións de sangue.

A sublevación militar contra a República do 18 de xullo de 1936 sorprende a Gonzalo Gurriarán no Barco. Aquel acontecemento vai truncar o seu prometedor futuro como investigador. Figuraba no punto de mira dos facciosos pola súa amizade con destacados republicanos do Barco e por ter sido alumno e discípulo de Juan Negrín. Por influencia da súa familia consegue sair do Barco para incorporarse como médico non militarizado á fronte.

Finalizada a guerra Gurriarán instálase no Barco, onde ten que soportar a hostilidade dos falanxista locais cara a súa persoa. Casa con Pilar Rodríguez, coa que terá cinco fillos, abre unha clínica quirúrxica e promove o asociacionismo deportivo creando o Club Peña Trevinca.

Gonzalo Gurriarán faleceu en 1975 ao ser atropelado por un coche na cidade catalá de Igualada. Así chegou o final para un home honesto que tendo posto os alicerces para unha excelente carreira, como médico e investigador, viu frustradas as súas expectativas por aquela guerra insensata que decapitou toda discrepancia e perseguiu a intelectualidade.

Previous articleGalicia Confidencial – Homenaxe ao doutor Gonzalo Gurriarán
Next articleLa Voz de Galicia – O Barco acolle mañá sábado unha homenaxe a Gonzalo Gurriarán