Xosé Luís Franco Grande, o dono das palabras

    Xosé Luís Franco Grande sempre foi un  protagonista de excepción na cultura galega. Pero despois do seu pasamento a súa figura axigántase. Foi un intelectual poliédrico.Talvez a súa obra máis coñecida sexa o dicionario que publicou Galaxia en 1968, adiantánse á incorporación das “linguas vernáculas” ao curriculum escolar, como as denominaba a Lei de Educación do ministro Villar Palasí. A súa obra poética, apenas coñecida polo gran público, é dunha grandiosidade que está por descubrir. Cultivou tamén o ensaio histórico que botou moita luz sobre o galeguismo da postguerra. Labor que desenvolveu simultaneamente co de xurista prestixioso, profesión que aprendeu no despacho de don Sebastián Martínez-Risco. Pero amais de todo o dito, hai outro Franco Grande que se involucra durante o franquismo nas actividades culturais na Asociación Cultural de Vigo dirixindo o primeiro programa radiofónico en lingua galega en La Voz de Vigo. Cómpre salientar tamén as súas colaboracións de opinión no xornal La Voz de Galicia no que abordaba os aconteres sociais e políticos próximos e os de ámbito internacional. O colectivo Galeguizar Galicia distinguíuno en varias ocasións por esa intensisima actividade intelectual e cultural. Admirador do labor desenvolvido polo noso colectivo, Franco Grande estivo connosco en actos celebrados en Lugo, Monforte, Santiago, Vigo, Ourense, Redondela, Celanova, Morgadáns, Mondariz, Soutomaior, Trives, Esposende(Ribadavia), etc., e en cantas localidades programamos actividades para dinamizar o proceso de normalización lingüística en ámbitos socioeconómicos, xurídicos, sanitarios, agroalimentarios… Alí estivo sempre Franco Grande; unhas veces como orador e outras como imprescindible asistente para apoiarnos. Queremos que este microdocumental sexa a nosa humilde homenaxe a tan dilatada vida dedicada a Galicia, a súa cultura e idioma. A súa memoria e obra  perdurará polos séculos dos séculos.

    Previous articleFermín Penzol
    Next articleFalando do Dereito