Ocorre as máis das veces que os viaxeiros van ollando a paisaxe, pero sen descifraren as causas, historia e circunstancias que a definen. Adóitase dicir —non é máis ca unha frase feita— que o viaxar arrequece a cultura. Iso depende. Se nos fiamos dalgunhas enquisas feitas sobre o coñecemento que os galegos temos do noso medio, a conclusión é ben distinta: vivimos nun País que non valoramos dabondo, porque o descoñecemos.
Otero Pedrayo, que tivo que viaxar moito nos coches de liña, tiña por costume ilustrar o seu acompañante de todo o que os seus ollos albiscaban, de preto e de lonxe. Din os que gozaron da súa compaña naquelas demoradas viaxes polas estradas galegas que era unha regalía poder coñecer “sobre a marcha” todo o que quedaba fóra da xanela do autobús.
Relatos da Paisaxe pretende poñer ao alcance dos viaxeiros das empresas asociadas en Trabivus Noroeste unha primeira entrega de relatos literarios e á vez descritivos, que contribúan a coñecer máis os accidentes xeográficos, monumentos, tradicións, etc., que salfiren a nosa contorna. A suma de todos eles fan parte da nosa cultura, relatada en lingua galega, que resoou, resoa e resoará nos escenarios que se van sucedendo nas viaxes que se fan percorrendo as estradas.
A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia e mais a Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia poñen nas súas mans unha pequena colección de relatos escritos para esta acción por diversos autores, coa finalidade de divulgar e fomentar o uso da lingua galega.
Xoaquín Monteagudo Romero
Presidente da AFNLG
CLODIO GONZÁLEZ PÉREZ
(Cenlle – Ourense).
Viviu en Ponteareas, Vigo e agora en Santiago de Compostela. Profesor, historiador e etnógrafo. Membro do padroado do Museo do Pobo Galego, da sección de Antropoloxía Cultural do Consello da Cultura Galega, da Asociación “Álvaro das Casas”, etc. Premio nacional de xornalismo “Artes y Tradiciones Populares” do Ministerio de Cultura en 1983, 1984, 1985 e 1986; premio de investigación da Deputación de Pontevedra, 1987 e 1992; “Curuxa de honra” do Museo do Humor de Fene, 1999. Autor de varios libros e colaborador en revistas especializadas e xornais.
GONZALO JAR COUSELO
(Lérez – Pontevedra, 1949-2009).
Xeneral de División da Garda Civil. Doutor en Ciencias Políticas e Socioloxía. Membro do Centro de Estudos de Dereito Internacional Humanitario da Cruz Vermella Española. Ten publicados varios libros e numerosos artigos: Modelo policial español y policías autónomas (Edit. Dykinson, Madrid, 1995), Las mujeres en la policía y en las fuerzas armadas. Especial referencia a la Guardia Civil (Edit. Instituto da Muller, Madrid, 1997), Modelos comparados de policía (Edit. Dikynson e Ministerio do Interior, Madrid, 2000), La protección de los periodistas en caso de conclicto armado (Edit. Tirant lo Blanch, Valencia, 2007).
XESÚS FERRO RUIBAL
(Rebón – Moraña, 1944).
Estudou Filosofía e Teoloxía no seminario de Santiago (1965) e Filoloxía Clásica en Roma (1969). Catedrático de latín, traballa en fraseoloxía no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Membro numerario da Real Academia Galega, publicou libros e artigos de asuntos latinos, fraseolóxicos, sociolingüísticos e onomásticos. Foi un dos redactores do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (2004). Creou e dirixiu o microespazo de televisión Ben Falado (TVG 2008-2009). Participou con dous relatos nos Contos de Castromil (1992).
XAVIER SENÍN FERNÁNDEZ
(Pontecesures – Pontevedra, 1949).
Catedrático de bacharelato de francés. Foi subdirector xeral de Promoción Cultural, do Libro e Bibliotecas de 1987 a 2006. Foi vicepresidente da Asociación de Traductores Galegos e Presidente da Organización Española para el Libro Infantil y Juvenil (OEPLI). Responsable da edición galega de O Correo da Unesco desde 1989 ata 2001. Impartiu cursos de lingua galega co Instituto de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago e coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Corrector lingüístico, autor e coordinador de libros de texto, leva traducido para galego ao pé de cen títulos, fundamentalmente de literatura para a infancia. Mantén dúas colaboracións semanais en El Correo Gallego baixo o título xenérico de Devagar.
GONZALO AMOEDO LÓPEZ
(Redondela, 1959).
Policía local no concello de Redondela. É autor ou coautor, entre outros, de Don Juan Manuel Pereira de Castro, paralalelismos con don Juan Manuel de Montenegro (R. Cuadrante, 2001); A prensa en Redondela, aproximación histórica 1883-1993 (Xerais, 2001); Redondela, crónica dun tempo pasado; A Segunda República e o primeiro franquismo (E. do Castro, 2002); Arredor de nós. Historia da Policía local de Redondela 1863-2000 (2003); A taberna de Nador (2004); Memorias de Manolo Barros. Autobiografía dun militante comunista (Fundación 10 M, 2006); Episodios de terror durante a guerra civil na provincia de Pontevedra. A illa de San Simón (Xerais, 2007); Unha historia que ninguén contara no libro Palabra por Palabra. Contos da Policía (Ir Indo); autor de guións para documentais, colaborador habitual en prensa e membro da Fundación Lois Peña Novo.
XOSÉ BENITO REZA RODRÍGUEZ
(Celanova – Ourense, 1956).
Enxeñeiro superior de Montes. Foi director dos parques naturais Baixa Limia-Serra do Xurés e Invernadoiro (1995-1999); xefe do Servizo Galego de Espazos Naturais Protexidos (1997-1998); xefe do Servizo de Conservación da Biodiversidade (1998-1999); director xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia (2005-2009); Foi promotor da Lei de protección da paisaxe de Galicia (7/2008, de 7 de xullo). Foi membro de asociacións especializadas en medio e é membro das asociacións culturais “Amigos do Couto Mixto”, “Curros Enriquez”, “Álvaro das Casas”, “Seminario de Estudios Celanovenses”, etc. É autor de Memorias do Pedal – O camiño portugués a Santiago, de Celanova e o vento, da biografía do poeta Manuel Curros Enríquez, da biografía de Arturo Noguerol Buján e dos libros Vivir en Ancares e Antioquía.