“Ramón Verea Inventor estradense”
A galeguización empresarial é unha vella arela. Os nosos historiadores teñen constatado esta carencia que noutras comunidades autónomas, nomeadamente Cataluña e País Vasco, asumiron hai ben tempo. Eis a diferenza entre o empresariado galego e o resto deses pobos con lingua e cultura de seu. O orgullo de pertenza a un pobo con esas singularidades identitarias xogou a prol dos seus intereses, mentres en Galicia a falta desa tradición galeguista non foi boa para o noso empresariado. Houbo excepcións, pero moi poucas. Tan poucas que as podemos contar cos dedos dunha man. Pero as que houbo foron senlleiras e decisivas na economía galega. E son mostra de que para ter unha boa conta de resultados o galeguismo pode ser un medio axeitado. Gañar a respectabilidade dos consumidores e dos mercados afianzando a identidade da marca constitúe unha estratexia comercial.
O descoñecemento da nosa historia motivou o desarraigo e a infravaloración da nosa condición de galegos. Os prexuízos culturais e lingüísticos mancaron a moitas xeracións de galegos e galegas que mesmo se gaban desa eiva. Neste proceso de aculturización xogaron un papel importante a escola e a universidade. A subestimación do propio e a sobrevaloración do alleo é unha regra que rexe a conduta de moitos dirixentes sociais. Se a meirande parte dos universitarios que se formaron nas súas aulas tivesen coñecemento migalleiro de personaxes sobranceiros na nosa historia e a importancia que tiveron, tanto para a nosa economía como para o resto da humanidade, seguramente a autoestima e confianza en nós sería maior.
Moi poucos saben que Galicia tivo científicos e empresarios que uniron o coñecemento e a xestión para crearen industrias decisivas para o benestar dos galegos e da humanidade. Sen o invento de Verea García, precursor da computadora, non se poderían resolver cálculos matemáticos complicados; sen a aportación do matemático Vicente Vázquez Queipo, natural de Samos, autor das táboas de logaritmos, non se entendería moi ben o desenvolvemento das ecuacións aritméticas; Isidro Parga Pondal, un dos mellores xeólogos que tivo España, elaborou o primeiro mapa minerolóxico de Galicia, que deu pé a industria do cemento; sen os traballos de investigación de produtos farmacolóxicos feitos por Ramón Obella Vidal, posteriormente continuados por Antonio Fernández como empresario, a vida humana e animal en Galicia terían padecido andazos de consecuencias irreversibles; Enrique Peinador, fundador do Balneario de Mondariz, aproveitou o coñecemento dos mellores catedráticos da facultade de medicina compostelá para estudar as propiedades dos mananciais de augas termais para aplicalas como terapias médicas; Antón Beiras, médico e investigador, resolveu o problema do estravismo co seu Vigoscopio, explicando en lingua galega en foros científicos, alén das nosas fronteiras, as cualidades do instrumento que acababa de inventar.
Actualmente son moitos os científicos galegos que traballan para patentes propias ou estranxeiras. Os resultados das súas investigacións son decisivas para xerar riqueza, xa sexa desde as novas tecnoloxías das comunicacións ou construíndo modernos buques capaces de detectaren nos fondos mariños bolsas de gas ou de ouro, como está a acontecer cos modernos barcos sísmicos que se constrúen nalgúns estaleiros galegos.
O galeguismo empresarial ten que ser a forza que impulse a nosa identidade e nos diferencie nos mercados globais. Sermos galegos e estarmos no mundo, participando del, é unha maneira distinta de ver a nosa relación cos demais e o fomento da lingua galega nas relacións empresariais constitúe un elemento de distinción.