O que pretendemos coa edición desta obra é a continuidade dun traballo nunca debidamente valorado, que comeza en 1982, ano da constitución da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. Dende entón vimos impulsando o uso da lingua galega en tódolos ámbitos. Fixémolo na Adminisración Local promovendo conxuntamente co Concello de Santiago de Compostela a “Declaración dos Alcaldes Galegos a prol da normalización lingüística”, que asinaron, en acto público de gran relevación, preto de douscentos rexedores municipais. Acto que se celebrou no Hostal dos Reis Católicos en 1984. Logo, encadeadamente, virían outros que foron conformando unha ringleira interminable.
O achegamento a un sector importante de servidores públicos, como son as policías, semellaba imposible polas inercias históricas, forxadoras de mitos e incomprensións nada beneficiosas para restablecer o princpio da cooficialidade lingüística no ámbito policial.
Palabra por Palabra. Contos da policía, constitúe unha experiencia novidosa, mesmo inédita no Estado, na que a literatura é a forma amable de levarmos aos corpos e forzas de sEguridade a mensaxe da normalización lingüística. Neste libro colaboraron, amais de recoñecidos escritores da nosa literatura, cualificados funcionarios e funcionarias policiais, que abordaron desde a experiencia profesional propostas literarias moi interesantes para aproximar a defensa da nosa identidade á función policial, tan antagónicas en tempos non tan lonxanos.