Memoria Foro

    Memoria Foro
    Memoria Foro

    No ronsel que marcan os países europeos sabedores das necesidades de futuro, Galicia ten que ser consciente da necesidade de investir tamén máis en infraestruturas intelectuais, o que fai imprescindible o consenso entre a Administración pública e a iniciativa privada. Para non comprometer o noso porvir económico e afondar a diferenza de calidade de vida que nos separa da Europa de avangarda, temos que xerar un debate produtivo que aguilloe na sociedade galega esa esixencia -contrastada naqueles paises- de desenvolver a capacidade de innovación nos diferentes ámbitos de actividade económica e social, e incrementar o gasto en investigación, único xeito de xerar novas actividades económicas e favorecer a transformación dos sectores tradicionais en industrias da nova economía, pero ese reto común de economías de escala semellante á nosa en países europeos afíns require, no caso de Galicia, un esforzo complementario para conciliar a actividade económica coa defensa dos valores culturais e lingüísticos propios, desde a idea -asumida por todos nós- de que o futuro da lingua e da cultura de Galicia non se xogan exclusivamente no eido cultural. Pola contra, temos o convencemento de que a afirmación da nosa identidade está moi vinculada ao compromiso de asegurarmos a presenza do galego en toda a cadea económica: na planificación, na publicidade, nas operacións de transacción, contratación e facturación; e, por suposto, ao compromiso de incorporar ao galego á actividade relacional con outras empresas, proveedores e clientes.

    O Foro Enrique Peinador xorde nun intre de especial relevo no acontecer histórico de Galicia co obxectivo de incentivar o diálogo entre a economía e a galeguidade, e coordinar o ideario e as exitosas experiencias que se levaron a cabo na nosa Terra e naqueles territorios onde os actores económicos desenvolven o seu pulo empresarial. Neste contexto, este Manifesto do Foro quere deixar constancia de gratitude á herdanza dunha diversidade de empresas e de actividades comerciais en ámbitos sectoriais e territoriais múltiples dos que cómpre salientar pola orixinalidade do seu quefacer a peripecia vital de tres empresarios galeguistas especialmente queridos e recordados polo seu compromiso coa cultura de Galicia e o éxito empresarial: Enrique Peinador Lines, Xesús Canabal Fuentes e Antonio Fernández López, emprendedores que personifican a aspiración de lograr a expansión económica e asumir ao mesmo tempo unha posición influínte na sociedade galega e na defensa da identidade de Galicia. Esas actitudes teñen hoxe en día continuidade noutros proxectos empresariais, xa asentados e en expansión.

    Na actualidade, como continuidade do esforzo teimudo que a sociedade galega vén desenvolvendo en prol da pervivencia dos nosos signos e valores identitarios, e da vontade de constituírmonos nunha nación con personalidade propia no contexto dos pobos do mundo que afirman o seu dereito á diferenza, consideramos relevante afirmar desde o mundo económico a urxencia de conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, e reforzar a súa presenza en sectores estratéxicos determinantes para o éxito social e a afirmación como pobo.

    En coherencia coas motivacións que guían a nosa vontade de estender o uso da lingua galega na relación laboral e comercial, pola posición favorable á promoción do galego en todas as organizacións políticas e cívicas, facemos nosa esta aspiración e ofrecemos a nosa colaboración para espallar no mundo económico de Galicia e, por extensión, en toda a sociedade galega, o Acordo do Pleno da Cámara do Parlamento de Galicia sobre o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade dos deputados e deputadas presentes na histórica sesión do día 21 de setembro de 2004, no que se afirma que o respecto á nosa fala constitúe o cerne central da nosa identidade, alento e alma como pobo galego.

    O devandito acordo constitúe o mellor exemplo de acción positiva e motivadora para o conxunto da cidadanía de Galicia e enche de contido a nosa colaboración no proceso de desenvolvemento das estratexias e medidas que un compromiso como este representa para a causa do galego.

    Pero como Foro de debate e prospección temos unha especificidade á hora de sinalar ámbitos e medidas que axuden a mudar de maneira efectiva o uso da lingua. Velaí a nosa teima, por unha banda, nunha profunda e urxente necesidade de reforma do sistema universitario de Galicia, esixencia na que debemos porfiar as institucións da sociedade civil e o poder político como un dos factores decisivos para o crecemento e a dignificación de Galicia. Cremos necesario o incremento do investimento público e privado nesta institución porque constitúe un dos retos de futuro que ten a sociedade galega, como centro de coñecemento da nosa sociedade, investimento que debe ir ao par das urxentes transformacións que a sociedade lle demanda. Entre estas tén unha especial relevancia a perspectiva de galeguizar os seus efectivos e os seus produtos. A súa influenza na formación dos cadros dirixentes da nosa sociedade e, máis concretamente, dos cadros técnicos para o mundo empresarial, dá a medida da súa potencialidade galeguizadora e exemplificadora.

    Cunha especial énfase, este conxunto de mediadores en prol da galeguización da empresa de Galicia laboraremos por buscar e pechar acordos en todas as direccións no sector do empresariado que xa considera o I + D no goberno galego e na Universidade. De igual xeito, cómpre expresar o noso interese por acordar, coas posibilidades que cada intre nos ofreza, accións pola galeguización do noso tecido económico e incorporar as sensibilidades máis dinámicas, que faciliten o encontro entre os diversos ámbitos empresariais, incluso con aqueles que exercen a súa galeguidade noutros territorios do Estado e doutros países, como pode ser a Asociación de emprendedores galegos no mundo, rede que ben pode actuar como punta de lanza da penetración dos produtos galegos noutros moitos mercados. E unha atención diferenciada nas relacións comerciais con Portugal para programar accións conxuntas, favorecidas pola proximidade lingüística e xeográfica e os intereses comúns entre os dous territorios a través de institucións nacidas ao abeiro da lexislación europea como é o caso do Eixo Atlántico.

    Asemade interésanos explorar e incentivar a coordinación de iniciativas comúns e desenvolver solucións coñecidas como “boas prácticas”, tamén no binomio empresa e galeguidade, non só no noso territorio senón noutras comunidades históricas con realidades identitarias semellantes e doutros países do espazo comunitario europeo. Esta cooperación territorial e entre entidades semellantes á nosa ten que producir unha nova dinámica de acordos e de relacións cooperativas xa experimentadas, entre iniciativas cidadáns e as súas institucións nunha nova perspectiva esperanzadora de relacións directas entre nacións que, analizadas convenientemente e fortalecidas con propostas imaxinativas, constituirán oportunidades de reforzamento da nosa identidade, de presenza noutros mercados dun mundo cada vez máis caracterizado polo fenómeno da globalización.

    No intercambio de pareceres expresados nos encontros que conduciron á constitución do Foro Enrique Peinador, recollemos desde diferentes ámbitos profesionais esta prioridade de acción política, non só de incremento do gasto en I + D + i senón que tamén este impulso debe ir ao par da acción combinada entre todos os sectores implicados, empresa, administración e investigadores, para situármonos convenientemente nun mercado altamente competitivo, desempeñar cada un seu papel e optimizar as interaccións entre todos. Nós, na medida das nosas posibilidades, queremos propoñer vías de solución, convencer aos distintos axentes sociais, involucrar todos os recursos do territorio e ao maior número posible de profesionais co ánimo de mobilizar ideas e achegar propostas innovadoras que axuden a un salto cualitativo e cuantitativo na consideración de Galicia como nación, necesitada dunha afirmación da súa condición diferencial e o recoñecemento preferente da súa lingua e da súa cultura.

    É obvia -pero non por iso deixa de ser necesario recordalo- a vitalidade e a necesidade de confluír desde áreas diversas na posta en valor e no desenvolvemento de estratexias que impulsen a utilización da lingua galega. Por citar algunhas, recollemos aquelas nas que imos priorizar a nosa acción e favorecer a sincronía para o éxito da operación na que nos embarcamos solidariamente:

    A formación e a ocupación dos nosos recursos humanos
    As infraestruturas
    A modernización da Administración pública
    A saúde
    O sector agroalimentario
    A organización do territorio e a cohesión territorial
    A solidaridade
    O medio ambiente
    O comercio
    O sector audiovisual
    O turismo
    As novas tecnoloxías
    A proxección internacional da lingua e da cultura de Galicia

    De todas estas áreas de desenvolvemento, interésanos a diversidade de empresas e actividades que poidan confluír con nós nos obxectivos expostos ao longo deste Manifesto, con independencia do seu tamaño empresarial pero coa complicidade expresa de estender e favorecer a actividade de cada un dos nosos centros de produción en prol do fomento do galego con outras entidades, outras empresas, proveedores, clientes, relacións externas, publicidade, por sinalar algúns dos ámbitos nos que priorizar o proceso de execución das medidas que, en cada caso, se deseñen. Propostas que os estudos realizados coinciden en orientar á actividade interna pero tamén á relacional en todas as frontes, co obxectivo básico de facer do galego a lingua de traballo. Un obxectivo de política lingüística que nos estimula para colaborar co goberno galego e con todo tipo de institucións e colectivos que traballen para esa fin, nun primeiro momento para coñecer e estudar a situación da lingua nas empresas, a súa organización, o seu funcionamento e as posibilidades de intervención e de contraol para, en paralelo, establecer un programa realista, aplicable e verificable que permita transformar de maneira inmediata e progresiva a situación, para facela estensiva ao resto das empresas do país.

    Un documento como o que agora damos a coñecer non ten por finalidade neste intre recoller un catálogo de actuacións concretas para a galeguización do mundo da empresa de Galicia. A pretensión é deixar constancia do noso compromiso coa cidadanía de Galicia, co colectivo de traballadores e traballadoras nos diferentes niveis, cos consumidores e, de maneira moi particular, con nós mesmos, conscientes de que os programas de galeguización que acometamos terán como finalidade:

    A xeralización do uso da lingua galega en todos os niveis de empresa, comezando polos cadros de dirección.
    O uso do galego como lingua de traballo e das comunicacións internas.
    O uso do galego nos documentos de traballo da empresa.
    O uso do galego nas comunicacións coa carteira de clientes, os proveedores e o público.
    A dispoñibilidade de produtos informáticos e o uso do galego no sistema informático.
    O uso do galego na rotulación interna do lugar de traballo.
    O respecto pola toponimia e a terminoloxía galega.
    O uso do galego na publicidade comercial e nos medios de comunicación.
    Unha política axeitada de selección e de promoción do persoal.
    Medidas de integración dos traballadores e traballadoras inmigrantes na sociedade galega.

    Estamos a falar, xa que logo, dun conxunto de iniciativas de percorrido distinto que poden constituír un programa de traballo, de tempo e intensidade variables en función de cada situación, con estratexias tamén diversificadas, pero que todas elas conduzan a un camiño serio e planificado no proceso de sensibilización e compromiso para a galeguización da empresa en Galicia. Máis aínda cando os estudos de hábitos sociais e de mercado insisten en que o galego como lingua propia, maioritaria e emerxente, actúa como un elemento positivo das transaccións comerciais na relación cos consumidores e que, desde esta perspectiva, o galego vende, nomeadamente nas empresas galegas e non galegas do amplo sector dos servizos, e constitúe un factor de identificación tanto das empresas galegas como das foráneas que operan e distribúen os seus produtos e servizos en Galicia: na automoción, na sanidade, nos servizos culturais, na sanidade, nas comunicacións, no téxtil, na alimentación, na sanidade, na hostalería, por citar algúns deles para rematar este primeiro documento de intencións do Foro Enrique Peinador que describe o contexto e as liñas de actuación que van guiar o noso traballo, ímonos referir a aspectos do propio funcionamento interno desta plataforma de actuación. Por unha banda, cómpre subliñar que o labor de liderado do Foro debe basearse na flexibilidade do seu funcionamento e evitar a burocratización, promover a apertura e a transparencia de todas as opinións, implicar o conxunto máis amplo posible de entidades e persoas, tamén de ámbitos diferentes, da sociedade civil, a industria, as autoridades públicas, os investigadores… cun enfoque operativo das propostas. De aí que aproveitaremos a comparecencia pública en todo tipo de plataformas e ocasións nos que poidamos facer visible a relación preferente entre a lingua e a acción política, económica e cultural e o convinte a integrar e participar nesta causa común.

    Con esta perspectiva, o Foro Enrique Peinador vai implicar a un conxunto plural de participantes, do que xa é boa mostra a listaxe de máis de sesenta empresas promotoras, e aproveitar a difusión deste texto para emprazarvos a participar desde agora mesmo na afirmación de Galicia como país e en reforzar a lingua galega como alicerce da súa identidade:

    Ao empresariado galego, coa maior diversificación posible por sectores, no que o valor da galeguidade está a representar un factor positivo de mercado.
    Ás autoridades públicas, no seu papel de creadores de políticas e como axentes financiadores de propostas, así como de promotores e executores de iniciativas.
    Ao mundo financeiro
    Á sociedade civil, a través de colectivos organizados, asociacións e sindicatos.
    á comunidade universitaria e centros de investigación, como favorecedores da relación industria-universidade.

    O papel que para nós reivindicamos como colectivo aberto de empresas relacionadas cos sectores da industria, o comercio e os negocios, e mesmo da Administración, é o de desenvolver actividades que alimenten e difundan todo tipo de informacións tocantes a disposicións legais e prácticas lingüísticas que favorezan a consecución dos obxectivos propostos; actuacións de mediación entre o sector privado e as administracións en cuestións de promoción e desenvolvemento de medidas de normalización lingüística, que favorezan a conciliación dos obxectivos políticos e sociais da galeguización, cos económicos e as prácticas do mundo dos negocios; identificar, describir e achegar solucións a situacións lingüísticas problemáticas no ámbito laboral, por non citar a difusión e o incremento, segundo os casos, de axudas públicas para a promoción do galego no mundo da empresa; o desenvolvemento de accións de rotulación en galego para facer visible o galego en cada sector; as accións específicas de apoio aos produtos galegos de calidade, como elemento singular da produción de Galicia; o encontro e a percura de accións de galeguización coa representación sindical; a esixencia diante da Administración e das empresas do sector, da importancia estratéxica da penetración e uso de internet e das novas tecnoloxías asociadas ao galego; ou o apoio ao empresariado que asocia a súa actividade aos valores da ecoloxía e da cultura. Para estas e outras medidas que acometeremos de maneira inmediata, exploraremos mecanismos de organización do Foro que faciliten a operatividade de todas estas actividades.

    En resumo, rematamos esta presentación en sociedade do Foro Enrique Peinador cunha soa cita, especialmente acaida para esta nova aventura, dalguén que encarna de maneira sobranceira a defensa radical do noso sentimento identitario, da afirmación nacional de Galicia: non lle poñades chata á obra, hai sitio para todos. Que o traballo dea os seus froitos.

    Previous articleA Fala dos viños 2008
    Next articleXesús Taboada Chivite

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here