Hoxe o Teatro Principal de Santiago de Compostela será o escenario para a presentación do documental “A Intelixencia Educadora” unha obra que rende homenaxe á vida e traxectoria de Xosé Manuel Rodríguez-Abella, figura clave no ámbito educativo galego e na defensa dos valores identitarios do país. O acto, organizado pola AFNLG da que foi vicepresidente, en colaboración co Concello da cidade e a Xunta de Galicia, está previsto para as 20:00 horas e promete ser un encontro emotivo e inspirador. Xosé Manuel Rodríguez-Abella, deixou unha profunda pegada na sociedade galega a través do seu traballo ao fronte do Departamento de Educación do Concello de Santiago de Compostela desde onde promoveu valores como a igualdade, a inclusión, o pensamento crítico, a música, a lectura e a defensa da lingua galega e da identidade colectiva no exercicio do seu traballo. O documental, dirixido por Pio García e producido por Carme Vaquero, coa financiación do Concello de Santiago e a Xunta de Galicia, ofrece unha visión sobre o seu legado, recollendo testemuñas de persoas que o coñeceron, traballaron ou colaboraron con el ao longo dos anos. A presentación contará coa presenza de destacados membros da comunidade educativa, cultural, social e política de Galicia quen compartirán xunto coa súa familia e amigos palabras de agradecemento e recordo en memoria de Xosé Manuel Rodríguez-Abella quen dedicou a súa vida abrindo camiño as futuras xeracións.