Dicionario de funcionarios escritores en galego.

    Dicionario de funcionarios escritores en galego.
    Dicionario de funcionarios escritores en galego.

    Hai trinta anos que se constituíu a Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia. Esta entidade, sen precedentes históricos no noso País, veu desenvolvendo unha intensa actividade para impulsar o uso da lingua galega nas Administracións Públicas.
    Este Dicionario, que posiblemente sexa como todos incompleto, recolle unha ampla nómina de funcionarios e funcionarias que desde o século XIX simultanearon o seu labor de empregados públicos coa creatividade literaria ou a investigación. Hóuboos que, en tempos difíciles, agocharon a súa personalidade con seudónimos para asinaren os seus traballos periodísticos en publicacións tan críticas como O Tío Marco d´a Portela e A Monteira, ámbalas dúas de tendencia galeguista.
    Están excluídos deste inventario os funcionarios docentes, por considerar os seus autores que quedaban fóra dos obxectivos da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística.
    Manuel González González, Secretario da Real Academia Galega, no prólogo que escribiu pregúntase o porque dun dicionario de funcionarios escritores en lingua galega. A resposta dáa el mesmo: “teño a impresión de que os autores queren, ante todo, facer un recoñecemento público a todos os funcionarios que dunha maneira ou doutra mostraron certa sensibilidade ou compromiso coa normalización da lingua galega”.
    O mesmo prologuista observa que a finalidade do Dicionario non é a de salientar a transcendencia histórica de ningún deles -aínda que moitos a teñan-, nin o valor das súas creacións -que son importantísimas- senón xustamente a de poñer de relevo que, independentemente do seu maior ou menor éxito e recoñecemento social, todos exerceron ou exercen un papel necesario para a normalización da lingua galega.

    Previous articleCouto Mixto – Unha República Esquecida
    Next articleA Propiedade

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here