Nesta publicación o seu autor, Arturo Noguerol, bo coñecedor do Dereito, fai un estudo migalleiro sobre a institución xurídica da propiedade. En Galicia a propiedade é sacrosántica. Pola propiedade rifan as familias e por mover clandestinamente os seus marcos, houbo litixios e mesmo mortes violentas.
Na evolución da propiedade rural -observa Noguerol- pódense distinguir oito etapas, pois malia as discusións habidas nos últimos tempos, é un feito demostrado que a propiedade rural é de data bastante recente e que custou moito traballo establecer. Sen entrarmos no debate do rigor da investigación, que esta non é a pretensión desta breve recensión, o que si está claro é que Arturo Noguerol, implicado nos movementos de redención dos foros e na transformación das vellas estruturas agrarias, pon os seus coñecementos sobre a materia para, sen dúbida, formar teoricamente aos dirixentes agraristas. Un labor pedagóxico, propio daquel tempo, para mobilizar as conciencias e orientar aos movementos sociais interesados en recuperar a propiedade.
Coa edición de “A Propiedade”, a Fundación Lois Peña Novo quere poñer a disposición dos lectores unha mostra máis das moitas inquedanzas políticas de Arturo Noguerol, un home comprometido coa causa do galeguismo e as profundas transformacións sociais que preconizaba.