A fonte limpa – Pedro González López
En 1972 celebrouse en Lugo o Primeiro Congreso do Dereito Galego. Ese ano ten na historia de Galicia unha significación especial: o movemento obreiro de Vigo e Ferrol foron protagonistas de excepción con folgas, paros laborais e mesmo con dúas mortes :Amador e Daniel. Mentres isto acontecía, en Lugo, reuníanse os profesionais da avogacía para discutiren os problemas que aqueixan a nosa sociedade, vistos desde a óptica xurídica. Foron varios os acordos tomados naquel cónclave dos xuristas galegos. Un deles, sen dúbida, o que máis conmocionou ao réxime: solicitabase a derogación da pena de norte. A pena capital en vigor era aplicada despiadamente polo réxime franquista. O outro acordo que salientamos referíase á necesidade de compilar o dereito civil galego, instrumento necesario para modernizar, sobre todo, o agro galego regulado por un dereito consuetudinario ancorado nun pasado moi afastado dos problemas do rural.
Aquel Congreso organizouse e levouse a cabo grazas ao esforzos de moitos avogados, entre os que sobranceaba un: don Pedro González López, que entón desempeñaba o cargo de decano do Colexio de Avogados de Lugo.
Don Pedro González é hoxe un gran descoñecido para a meirande parte dos xuristas galegos. Boa culpa diso haberíaa que achacárllela ás facultades de dereito do noso País e mesmo aos colexio de avogados e escolas de prácticas xurídicas, que non teñen nos seus currículums académicos asignaturas optativas ou de libre configuración para que o alumnado teña a posibilidade de coñecer unha tradición xurídica notable, da que forma parte don Pedro González López. Un civilista que coñecía moi ben o funcionamento das estruturas sociais do País e as súas normas legais. Un humanista que soubo abrazar a causa do galeguismo como noutrora o fixeran Lois Peña Novo, Porteiro Garea, Salvador Cabeza de León, Roberto González Pastoriza, ou os seus coetáneos Sebastián Martínez Risco, Ramón Carballal Pernas, Daniel García Ramos…
Ese coñecemento e compromiso coa cultura galega determinou que fose o primeiro académico da Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación que lese o seu discurso en lingua galega. Durante moitos anos -máis de trinta- o seu discurso estivo inédito. Agora, co gallo da celebración da III Asemblea da Irmandade Xurídica Galega publícase co título “Pensamento xurídico-político do Padre Benito Xerónimo Feixóo. A Fonte Limpa”. Un texto fundamental para coñecer a formación daquel frade bieito que, xunto co seu compañeiro, Sarmiento, son as dúas personalidades máis relevantes da Ilustración galega.