A empresa en galego

    A empresa en galego
    A empresa en galego

    A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística de Galicia sempre foi consciente da importancia que ten o ámbito empresarial para asegurarlle un futuro á nosa lingua. A sorte da lingua galega xógase fóra do eido literario. De aí que en 1994, despois de varios anos intentándoo, promovese a creación dun grupo de empresarios representativo do tecido socioeconómico galego naquel momento, que apostasen pola lingua galega na etiquetaxe, na publicidade,e nas relacións laborais e cos consumidores.

    Na historia da normalización lingüística en Galicia están escrito un fito importante:

    “A creación de senllos servizos de normalización lingüística en dúas empresas importantes na decada dos noventa: CONSTRUCCIÓNS MALVAR e C.O.V.S.A. Dúas empresas dedicadas á construción civil, ás que a Xunta de Galicia, Deputacións e concellos galegos adxudicaban obras públicas. Estas dúas empresas, cun número considerable de traballadores, integraron no seu cadro de persoal a dúas persoas quen traballaron no desenvolvemento de accións normalizadoras. Ámbalas son, pois, señeiras nese proceso de galeguización empresarial”

    A EMPRESA EN GALEGO

    Nas actividades comerciais apréciase unha preocupación crecente por aspectos cada vez máis atractivos e que as fagan máis competitivas. Tamén de maneira crecente se desenvolven técnicas de promoción nos mercados que valorizan o seu traballo. En tódolos casos analízase o mercado e púlsase a opinión dos consumidores e usuarios, sempre procurando unha comunicación máis directa co cliente.

    Sen embargo, cando se deseñan as estratexias de promoción da empresa, non se ten suficientemente en conta un elemento determinante e con inmensas posibilidades de proxección mercantil, como é o uso para esa comunicación da lingua do país en que se vai desenvolver a súa actividade.

    O galego, idioma oficial en Galicia a tódolos efectos, sen limitación para o seu uso en calquera manifestación que se realice no territorio, está consolidado non só no mundo das actividades culturais e institucionais, senón que ademais ten abertas novas fronteiras no mundo da comunicación e tamén no da empresa, como testemuñan algúns exemplos que se recollen neste documento, e que abranguen sectores tan variados como o transporte, a alimentación, a industria naval, a construción, a moda, a industria química, etc…

    Unha empresa que estableza a comunicación co cliente en galego demostra un compromiso coa historia e a cultura do seu país e, ademais, establece unha relación máis cordial e estreita cos destinatarios da súa actividade, que pode producir nestes unha receptividade engadida.

    Non é o mesmo vender un produto en Bilbao, Barcelona ou Sevilla, ca facelo en Galicia, porque é un tema que alí non se cuestiona. Hai que ter en conta que temos unha lingua propia que non é o castelán, e este feito, cun peso cultural importante, unha forte dimensión social e unha presenza cada vez máis consolidada nos medios de comunicación, constitúe un factor que se debe valorar para unha estratexia comercial.

    Moitos sectores industriais sustentan as súas actividades indicando a súa procedencia galega, sen que isto teña correspondencia en moitos casos cunha mensaxe publicitaria expresada en galego, o que puidera mermar a súa credibilidade e negar unha oportunidade de reforzamento.

    Son moitas as manifestacións polas que unha empresa pode emprender un compromiso de vontade de promoción do uso do galego. Nesta públicación móstrase unha escolma de iniciativas que xa están en marcha e que, ademais dos aspectos exclusivamente publicitarios, asumiron progresivamente unha serie de medidas que se deben ter en conta para encetar un proceso de galeguización da empresa. Entre estas están: a documentación interna, as comunicacións coas institucións e entidades galegas ou outras empresas radicadas en Galicia, as relacións interpersoais, a declaración nos convenios laborais dos dereitos lingüísticos, a valoración do coñecemento do idioma na contratación de persoal, etc….

    Para que estas medidas se desenvolvan, as empresas pódense acoller a distintas iniciativas que as institucións, en cumprimento das súas obrigas a prol da normalización do galego, poñen ao seu dispor, como poden ser os cursos de formación ou as axudas directas que lle permitan contar coa figura dun lingüística ou lle faciliten o asesoramento necesario.

    Previous articleContos de Castromil
    Next articleAbrímoslle as portas á Lingua

    LEAVE A REPLY

    Please enter your comment!
    Please enter your name here