Premios Lois Peña Novo 2024

    Nunha calorosa tarde de verán o castelo de Soutomaior convertíuse un ano máis nunha celebración da lingua e da cultura galegas. Os 3 premiados recibiron o apoio de máis de 150 persoas que ateigaron o Patio de Armas do Castelo. 

    D. Xosé González Martínez no seu discurso de benvida avogou pola necesidade de ser galeguistas a tempo completo afondando na obriga individual de que se non se é galego parlante polo menos que se sexa galego escoitante.

    Palabras acaidas das louvas a cargo de D. Xermán García Cancela, D. Xosé Maria Lema Suárez e Dna. Diana Gonçalves Dominguez, membros do xurado e a música a cargo de Carolina Rubirosa e Rafael Otero amenizaron un acto de recoñecemento a 2 persoas e 1 institución que co seu traballo arreo e constante fan que a lingua galega sexa lingua de uso en diferentes ámbitos sociais, eixo fundamental para que exista unha plena normalización do noso idioma na sociedade.

    A presidencia formada por D. Manuel Lourenzo Sobral, alcalde do concello de Soutomaior que entregou o premio ao alcalde do concello de Carballo, D. Evencio Ferrero Rodríguez que o recibíu en nome de todo o pobo de Carballo reivindicando o traballo tanto de anteriores rexedores municipais como da cidadanía e do persoal da propia administración pública. 

    D. Jorge Cubela López, deputado provincial de Cultura en representación da Deputación Provincial de Pontevedra entregou o premio a D. Carlos Pajares, Científico, investigador emérito e asesor da Unión Europea en plans de estudo de Física, é fundador do Instituto Galego de Altas Enerxías e ex-Reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

    Dna. Lara Meneses Álvarez, directora xeral de xuventude en representación da Xunta de Galicia entregou o premio a Dna. M.ª Jesús Lago Vilaboa, Xefa de servizo de Traballo Social da Área Sanitaria de Vigo, por ser pioneira e defensora do uso do galego no ámbito sanitario. 

    Unha ampla representación institucional, premios Peña Novo doutras edicións, funcionarios, concelleiros e concelleiras,  amigos e amigas dos premiados fixeron que un ano máis Soutomaior fose unha eira de galeguidade na celebración da XXVIII edición dos Premios Lois Peña Novo. 

    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2023
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2025