Vintecinco anos visibilizando a normalidade no emprego do galego no entorno das administracións públicas, iso é o que celebramos en Soutomaior coa entrega dos Premios Peña Novo que recoñecen o labor de persoas e entidades que traballan pola normalización da lingua galega.
O acto estivo presidido pola Presidenta da Deputación Provincial de Pontevedra, Dª. Carmela Silva Rego; o Director Xeral de Políticas culturais da Xunta de Galicia, D. Anxo Lorenzo; a Presidenta do Consello da Cultura Galega, Dna. Rosario Álvarez; o Alcalde de Soutomaior, D. Agustín Reguera Ocampo; o Presidente da Fundación Lois Peña Novo, D. Xosé González Martínez e Dna. Alba Nogueira, Catedrática de Dereito da USC.
Os méritos dos premiados foron louvados por D. Manuel González González, presidente do xurado e premiado no ano 2018; por D. Jorge Mira Pérez, premiado no ano 2014 e por Dna. Alba Nogueira López, premiada no ano 2011. Os tres resaltaron a coherencia, a entrega e o compromiso dos premiados coa lingua galega no ámbito do seu labor profesional e persoal.
D. Manuel Bermejo Patino, Profesor Emérito da USC, pola coherencia na utilización da lingua galega durante toda a súa vida académica e investigadora promovendo e implantando o galego en ámbitos universitarios nos que ocupou cargos de responsabilidade e no exercicio da docencia deixando unha fonda semente de galeguidade por onde pasou.
Dna. Paz Filgueira Paz, Maxistrada no Xulgado de Familia núm. 12 de Vigo por un compromiso persoal co país que a levou a desenvolver a súa actividade profesional en lingua galega, exercendo un maxisterio galeguizador e servindo de exemplo ao persoal dos xulgados por onde pasou, prestixiando a nosa lingua no ámbito xudicial.
D. Carlos Salgado López, Profesor titular do Departamento de Física de partículas da USC e Director do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías, polo seu compromiso permanente coa lingua galega na súa actividade docente, altamente especializada, que o sitúan entre os mellores científicos na súa materia tanto en España como en Europa.
Nos discursos de agradecemento D. Manuel Bermejo reivindicou a necesidade de achegar a ciencia á sociedade, concretamente á química, materia na desenvolveu a súa traxectoria profesional, recordando aos presentes que estamos conformados por unha ampla porcentaxe de substancias químicas que manexan a nosa vida e nos conforman como persoas. Reivindicou o uso da lingua galega no ámbito docente universitario recalcando que unha actitude persoal favorable é necesaria para conseguilo e reivindicou a amizade como eixo fundamental do ser humano.
D. Abraham Gallas, subdirector do Instituto Galego de Altas Enerxías recolleu o premio en nome de D. Carlos Salgado dando lectura as súas palabras dicindo que recollía un premio á normalidade, á visibilización da normalidade, á visibilización de que se pode ser científico sen renunciar a ser galego fóra tamén do ámbito persoal e familiar recordando que os premios son fundamentais para dar visibilidade e recoñecemento dentro do ámbito investigador. Rematou dicindo que Galicia necesita científicos coa lingua fóra ofrecéndose como un científico coa lingua fóra para o que faga falta.
Dna. Paz Filgueira Paz fixo un discurso reivindicatico da necesidade de consideración das linguas minorizadas respecto daquelas prevalentes asi como unha forte defensa do papel da muller no eido xurídico, social e cultural, denunciando a dinámica existente na sociedade respecto á minorización da muller en todos os eidos da vida pública.
Emilio Rúa e Rosa Cedrón foron os encargados de poñer música ao acto facendo un repaso pola discografía galega recordando cancións emblemáticas como Lela, María Soliña, A Carolina ou Unha noite na eira do trigo e rematando cunha interpretación do Himno Galego.
Moito público asistente entre os que se encontraban compañeiros e familiares dos premiados, académicos da RAG, alcaldesas e alcaldes e concelleiros e concelleiras de Redondela, Salceda de Caselas, Cangas, Bueu… así como diverso persoal da administración pública local e autonómica.
Rematada a entrega de premios e por cortesía da Adega Terras Gauda degustouse e brindouse pola saúde da lingua cun viño do Rosal que leva o noso idioma polo mundo como sinal de identidade e garantía de orixe.