Celebrouse en Soutomaior a XXIII edición dos Premios Peña Novo cun obrigado cambio de ubicación pero non de contido, xa que a tarefa de recoñecer os esforzos das persoas que traballan pola dignificación da nosa lingua é o obxectivo que move á Fundación Peña Novo.
O acto estivo presidido por D. Valentín García Gómez, Secretario xeral de Politica Lingüística; Dª Fina Casalderrey, académica en representación da R.A.G.; D. Xosé Leal, deputado provincial de cultura e lingua; D. Xosé M. Cid Rodríguez, premiado edición anterior e presidente do xurado deste ano e D. Xosé González Martínez, presidente da Fundación Peña Novo.
Os premiados, igual que os que os precederon nas 22 edicións anteriores, son exemplos das palabras de Peña Novo “asimiliar para transformar e transformar para superar”: transformar e superar prexuizos asumindo intima e publicamente a súa galeguidade e facendo expansiva a súa mensaxe galeguizadora en cadanseu espazo profesional, defendendo a identidade singualar do pobo galego e sentíndose orgullosos dela.
A música sonou de man do grupo LUAR NA LUBRE, unha das formacións máis sólidas de Galicia, con 30 anos de vida e máis de 1000 concertos en 23 paises. Foi un pracer escoitalos e contar coa súa presenza.
Máis de 300 persoas estiveron presentes no acto no que os premiados, Dª Sandra Piñeiro Vilas, maxistrada no Xulgado de instrución núm. 3 de Lugo, fixo un discurso que chegou ao corazón dos presentes pola entrega e sentimento das súas palabras: D. Xurxo Mariño Pérez, Neurofisiólogo e dinamizador da ciencia en galego fixo un razoamento sobre como a lingua debería ser a normal forma de expresión tanto no campo da ciencia como en calquera outro e o Presidente e Vicepresidente da Asociación Cultural e Pedagóxica Ponte nas Ondas, agradeceron o premio e suliñaron a presenza dos rapaces e rapazas que estiveron retransmitindo en directo, a través da radio, toda a entrega dos premios.
As louvas dos premiados foron feitas por D. Carlos Varela García, fiscal da Fiscalía Superior de Galicia que a fixo de Dna. Sandra Piñeiro; D. Xurxo Martínez, que a fixo de D. Xurxo Mariño e D. Xosé Manuel Cid que foi o encargado de facela da A.Cultural Ponte nas Ondas.
D. Xosé González Martínez, presidente da Fundación insistíu na idea de que o compromiso persoal é fundamental para producir os efectos multiplicadores no uso da lingua.
D. Xosé Leal, deputado de cultura e lingua da Deputación de Pontevedra tamén tivo palabras garimosas para os premiados e suliñou a necesidade da existencia de colectivos como Galeguizar Galicia para defender o uso da lingua en distintos ámbitos da vida.
Pechou o acto D. Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística quen gabou o traballo arreo a prol da lingua dos premiados.
A interpretación do Himno Galego por parte de Luar na Lubre, que foi acompañada por todos os presentes, puxo o broche de ouro a un acto cheo de palabra e contido.