Nunha tardiña soleada do mes de xuño desenvolveuse o acto de entrega dos Premios Lois Peña Novo que cumpriron xa 22 anos de existencia, convencidos da necesidade de levalos a cabo para procurar novos espazos de uso para a lingua galega.
O acto foi presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación e O. Universitaria D. Román Rodríguez González, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria; D. Xesús Alonso Montero, Presidente da Real Academia Galega; Dª. Consuelo Castro Rey, Xefa Territorial da Avogacía do Estado en Galicia; D. Xosé Leal, Deputado de Cultura da Deputación Provincial de Pontevedra; D. Agustín Reguera, Alcalde de Soutomaior; D. Angel Carracedo Álvarez, Presidente do xurado neste ano e premiado edición anterior e D. Xosé González Martínez, Presidente da Fundación Lois Peña Novo que deu a benvida a todos os asistentes e louvou aos premiados polo seu traballo en diferentes ámbitosque lle abren novos espazos a lingua galega: ciencia, institucións e pedagoxía, tres trabes necesarias para termar da estrutura do edificio que acubilla a galeguidade.
Na lembranza dos amigos Xosé Neira Vilas e Anisia Miranda que sempre acudiron ilusionados a Soutomaior, escoitamos a música de Roi Casal, xoven representante da música tradicional galega que no seu disco “Son galego, son cubano” a recrea con voz propia na procura das raíces nas cales atopa a fonte de inspiración para as súas composicións.
Deu lectura a acta de concesión dos premios Dª. Soledad Rios Santomé, dinamizadora da lingua, filóloga de formación é presidenta da LONXA LITERARIA que formou parte do xurado desta edición.
Fixo a louva do doutor Díaz-Fierros Viqueira, D. Angel Carracedo Álvarez, catedrático de Medicina Legal, investigador e experto en xenética, un home que polos seus moitos saberes e abondosos méritos profesionais ten unha constante presenza en foros científicos a nivel internacional, prestixiando deste xeito tanto á universidade compostelá como a Galicia. Fixolle entrega do premio o Presidente da Real Academia Galega D. Xesús Alonso Montero.
D. Antón Fernández, profesor da Escola de Ciencias da Educación da Universidade de Vigo e activo membro do colectivo de renovación pedagóxica NOVA ESCOLA GALEGA,fixo a louva de Xosé Manuel Cid Fernández quen recibíu o premio de mans da Xefa Territorial da Avogacía do Estado en Galicia, Dª. Consuelo Castro Rey.
O encargado de facer a louva do concello de Brión foi D. Clodio González Pérez, etnógrafo e historiador; incansable traballador da lingua que ten no seu haber máis de cen estudos e monografías publicadas sobre etnografía e tradicións populares. Entregoulle o premio o conselleiro de cultura, educación e O. universitaria D. Román Rodríguez González.
No acto, ao que acudiron centos de persoas que quixeron coa súa presenza apoiar aos premiados, estiveron presentes o Secretario Xeral de Política Lingüística, unha ampla representación de académicos da Real Academia Galega, do Consello da Cultura Galega, da Editorial Galaxia, da Fundación Penzol, da Academia das Ciencias e da Academia de Farmacia de Galicia, do Colectivo Ponte nas Ondas, da Universidade de Vigo, veciños e veciñas do concello de Brión e amigos e amigas dos premiados.
O deputado provincial de cultura D. Xosé Leal, tomou parte no acto e tivo palabras de louvanza para os premiados e tamén para iniciativas culturais como ésta que xa é un referente en Galicia.
Pechou o acto o consellerio de cultura, D. Román Rodríguez González.
Ao remate do acto de entrega dos premios e grazas a aportación do amigo Xosé María Fonseca Moretón, Presidente da Adega Terras Gauda, fumos quen de brindar polo futuro dun proxecto que non pretende outra cousa máis que visibilizar o traballo arreo, por veces de toda unha vida, de moitas persoas e entidades por defender a nosa identidade colectiva.