XX edicións ininterrumpidas de celebración en Soutomaior dos Premios Peña Novo, 19 anos nos que o público apoia coa súa presenza un acto de reafirmación da nosa cultura e lingua.
Os premiados desta edición dan sentido á declaración de partida da Fundación Lois Peña Novo: traballar arreo para que a normalización da nosa lingua sexa plena en distintos ámbitos da sociedade galega. A maxistrada Dª. Dalila Dopazo Blanco co seu compromiso de defensa da lingua galega na xustiza e pola súa traxectoria impecable de especialista no Dereito, apoia un proceso que a pesar de ser minoritario crece cada día un pouco máis -boa proba diso é a Irmandade Xurídica Galega da que forma parte-; O Colexio de Traballo Social de Galicia que coa súa aposta polo galego en todas e cada unha das súas manifestacións, tanto internas como externas, provoca unha dinamización a favor da lingua entre o amplísimo colectivo que representa supoñendo un gran impulso para o seu uso na sociedade; e D. Jorge Mira Pérez, porque no exercicio do seu traballo como docente universitario nun campo científico no que non abundan exemplos así como pola divulgación que fai nos medios de comunicación da ciencia sempre en galego, logra un perfecto equilibrio entre a nosa lingua e a sociedade na que se desenvolve.
Os tres, exemplos a seguir para que o galego teña presenza e futuro, porque a lingua non se normaliza unicamente coa súa presenza no eido literario. Xa que logo, os tres, protagonistas de excepción para que o noso idioma teña cada día unha maior presenza en ámbitos diferentes.
Unha tarde na que o tempo deu un pequeno respiro e deixou que o Patio de Armas do Castelo de Soutomaior fose o escenario perfecto para un acto cheo de solemnidade e palabra. Tivemos a gran sorte de que o grupo AcadaCanto estivera connosco. A súa música foi a parella perfecta da tarde, unha música elegante, íntima, para escoitar a pequenos sorbos, para asimilar e asumir a palabra dita.