No Patio de armas do Castelo de Soutomaior, espazo noutrora dedicado a fins máis belicosos, nunha tardiña calurosa do mes de xuño enarboláronse outras armas, desta volta culturais e lingüísticas baixo a tutela do pensamento do avogado galeguista LOIS PEÑA NOVO que dá nome á Fundación organizadora do acto. Segundo él escribía aló polo ano 1926:
“Galicia non é un nome xeográfico nin un motivo lírico; é unha inxente realidade destacada no solar ibérico cos lindeiros graníticos do seu chan primitivo; destacada na historia, na economía, no dereito que forxaron a través do tempo unha raza que ten que conquerir plenitude vital para ofredar á Humanidade os froitos enxebres do seu xenio.
GALICIA NON É A GAITA, NIN A LENDA SAUDOSA, NIN O VAL FLORIDO…. esa é a morriña que se nos meteu no peito , é o relembro dos días tristeiros.
GALICIA É UNHA RIQUEZA SEN EXPLOTAR, UN DEREITO SEN ARTELLAR, UN POBO ANIÑADO NAS SERRAS E NAS MARIÑAS EN NÚCLEOS SOCIAIS SEN RECOÑECER, cunha civilización que aínda non moreceu e xa esmorece.
GALICIA, aínda non entrou na política española porque denantes ten que recontruír a súa unidade espiritual, e este debe ser o pensamento de todos os galegos na nova vida que se aveciña”.
O acto estivo presidido polo Conselleiro de Cultura, Educación e O. Universitaria D. XESÚS VÁZQUEZ ABAD; o Fiscal Superior de Galicia D. CARLOS VARELA GARCÍA; en representación da Real Academia Galega, Dª. ROSARIO ÁLVAREZ; o Secretario Xeral de Política Lingüística, D. VALENTÍN GARCÍA GÓMEZ; a Deputada Provincial de Cultura en representación da Deputación de Pontevedra, Dª. ANA ISABEL VÁZQUEZ REBOREDO; o Alcalde de Soutomaior, D. AGUSTÍN REGUERA OCAMPO e o Presidente da Fundación Lois Peña Novo. D. XOSÉ GONZÁLEZ MARTÍNEZ que deu a benvida a todos os asistentes entre os que se encontraban representantes institucionais, académicos da R.A.G., representantes políticos, persoal das administracións públicas, etc…
O cuarteto CARAMUXO foi o encargado de poñer música durante o tempo de desenvolvemento do acto, pezas coñecidas pola audiencia cun chisco de modernidade… un alalá convertido en reagge ou un canto de arrieiro -con carga de peixe- transformado en funky… todo coa presenza elegante e o sentido do humor que caracteriza ao grupo.
Deu lectura a acta de concesión dos premios Dª. MARISA PEÑA CEBREIRO, Secretaria Xeral do Consello Galego de Relacións Laborais que formou parte do xurado desta edición.
D. GONZALO AMOEDO LÓPEZ, premiado da edición anterior e escritor fixo a louva dos premiados resaltando os méritos abondosos de cada un deles.
O premio do COLEXIO DE AVOGADOS DE SANTIAGO DE COMPOSTELA foi recollido polo Decano do Colexio D. Evaristo Nogueira Pol e entregado polo Fiscal Superior de Galicia D. Carlos Varela García.
D. José María Bello Maneiro, Alcalde do Concello de Valga recolleu emocionado o premio do concello de mans da Deputada provincial de cultura Dª. Ana Isabel Vázquez Reboredo e quixo compartilo con grande cantidade de veciños e veciñas que o acompañaron para recollelo sentíndose parte do proxecto galeguizador do concello.
Foi D. Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación universitaria o que entregou o premio a D. Clodio González Pérez por toda unha vida dedicada á defensa da cultura e do idioma de Galicia.