Premios Lois Peña Novo 2012

    Nunha tarde sollosa de finais de xuño o castelo de Soutomaior foi escenario da entrega dos Premios Lois Peña Novo. 18 anos felicitando o uso da lingua galega no eido das administracións públicas e do traballo individual e colectivo a prol da mesma. Diante dunha ampla representación institucional e numerosa concorrencia de público, a orquestra de saxos do conservatorio de Redondela, dirixida por Dª. Elisa Arias, interpretou un amplo repertorio musical.
    O Presidente da R.A.G. Don Xosé Luís Méndez Ferrín fixo unha louva do traballo dos premiados suliñando o papel desempeñado polos galeguistas históricos, nomeadamente por Lois Peña Novo, na formación social de Galicia.

    Premios Lois Peña Novo 2012

    Don Xesús Vázquez Abad, Conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria fixo entrega do galardón a Don Xosé Xoán Barreiro Prado, Maxistrado da Audiencia Provincial de Pontevedra, que recolleu o premio outorgado ao Dicionario Xurídico Galego na súa calidade de codirector desta obra na que colaboraron máis dun cento de especialistas das distintas ramas do Dereito. O maxistrado na súa intervención, definiu o alcance que ten a obra para desfacer tópicos e vellos prexuízos lingüísticos.
    Dona Teresa Conde Pumpido, Presidenta do Consello Consultivo de Galicia entregou o premio ao Maxistado-Xuíz do Xulgado do Contencioso-Administrativo núm. 2 de Lugo, don Luís Villares Naveira, quen fixo nunha acendida e brillante intervención sobre a relación entre a lingua, os dereitos fundamentais e o Dereito.
    Don Carlos Varela García, Fiscal Superior de Galicia entregou o galardón a Don Gonzalo Amoedo López, que amais de ser un avezado historiador e funcionario de administracion local, invocou o sentido da coherencia individual para conseguir que a lingua galega sexa unha opción consciente no seu uso.
    Don Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística e don Alberto Pazos en representación da Deputación Provincial de Pontevedra tamén formaron parte da presidencia do acto.

    Previous articlePremios Lois Peña Novo 2011
    Next articlePremios Lois Peña Novo 2013